Beaumarchais, Pierre-Augustin Caron de

Beaumarchais, Pierre-Augustin Caron de

Dramaturgo. Iniciou a súa andaina coa peza Eugénie (1767) logo de ter escrito varios xoguetes cómicos que serían representados no castelo da familia dos Pompadour. Procesado por falsificación, escribiu as catro Mémoires (Memorias 1773-1774), modelos de panfleto e de sátira social. En 1775 o Teatro da Comedia Francesa presentou un espectáculo baseado na súa peza La précaution inutile ou Le Barbier de Séville (A precaución inútil ou O barbeiro de Sevilla) que, despois dalgúns arranxos, se converteu nun éxito de público e crítica. Nesta peza presenta a Fígaro, un criado intelixente e buscavidas que será o personaxe central de La folle journée ou Le mariage de Figaro (A xornada tola ou As vodas de Fígaro), estreada con notable éxito na Comedia Francesa en 1784, logo de ser censurada en 1781 por constituír unha aceda sátira política da sociedade da Francia prerrevolucionaria. Esta última peza sería o pretexto para un espectáculo homónimo estreado pola compañía galega Teatro do Noroeste en 1994 con dirección de Eduardo Alonso, mentres O barbeiro de Sevilla sería presentado, con dirección de Miguel Pernas e Xosé Manuel Rabón, por Producións Librescena en 1997. Posteriormente, Beaumarchais, publicaría Tarare (1787), unha ópera con música de Salieri, e o drama La mère coupable (A nai culpable, 1792). Entre outras achegas significativas, cómpre salientar a creación en 1777 da Sociedade de Autores e Escritores Dramáticos que vería recoñecidos moitos dos dereitos reclamados a partir de 1791.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : París

  • Deceso