Becerril de la Sierra
Becerril de la Sierra
Municipio da Comunidad Autónoma de Madrid, situado na serra de Guadarrama, ao S do porto de Navacerrada (2.707 h [1996]). A súa economía tradicional, baseada na explotación agrícola e gandeira (especialmente avícola), experimentou na década de 1990 un proceso de terciarización en resposta ao incremento de poboación provocado pola promoción e construción de urbanizacións residenciais; fundamentalmente, vivendas unifamiliares ocupadas por traballadores dos servicios que en moitos casos se desprazan diariamente á capital do estado, onde radican os seus postos de traballo. Polo xeral, estes novos habitantes posúen un elevado poder adquisitivo procedente das súas rendas de traballo.