BEGANO
Empresa de bebidas constituída o 6 de xuño de 1959 na Coruña. Na actualidade dispón de delegacións en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Foz, A Pobra do Caramiñal e Vigo. As súas actividades industriais céntranse na fabricación e comercialización para Galicia de todas as bebidas refrescantes da marca Coca-Cola (Coca-Cola, Tab, Fanta, Sprite, Aquarius, Finley, Nestea, Fruitopía e Bitter Drim). A fábrica actual inaugurouse no ano 1961. Daquela envasábanse 8.000 botellas por hora e en 1981 aumentou a produción a 60.000 litros por hora. Foi a primeira empresa do sector que conseguiu o certificado de calidade Aenor (30.12.1996). No ano 1995 foi elixida empresa do ano. O arquitecto Andrés Fernández Albalat realizou o proxecto da instalación actual da planta embotelladora, a “fábrica de cristal”, un dos máis singulares da arquitectura industrial galega contemporánea.