Beira
Rexión histórica do centro de Portugal, coñecida tamén como Beiras, que foi dividida no ano 1952 nos distritos de Aveiro, Coimbra, Guarda (con 13 dos seus 14 concellos), Leiria (con 8 dos seus 16 concellos), Santarém (con 4 dos seus 21 concellos) e Viseu (con 18 dos seus 24 concellos). Abrangue a práctica totalidade do territorio portugués comprendido entre os ríos Tejo e Douro, estendéndose incluso ao N deste último, nunha superficie de 23.912 km2 na que reside unha poboación do redor de 1.900.000 h (estim 1993). Na Beira distínguense tres grandes conxuntos naturais: a Beira Alta é unha penechaira onde hai un gran val central, percorrida polos ríos Mondego e os seus afluentes. A Beira Baixa é unha área bastante uniforme entre a Serra da Estrela e o río Tejo, atravesada polo río Zêzere. A Beira Litoral é unha área baixa e un pouco ondulada cunha ribeira recta e chea de dunas, detrás das que hai albufeiras e lamazais. A principal cidade é Coimbra. As Beiras foron o territorio dos lusitanos. Á caída do Imperio Romano pasou á administración visigoda ata o s VIII, que caeu no dominio musulmán. En 1064 foi conquistada polo Rei Fernando I, aínda que non foi realmente asegurada polos cristiáns ata tempos de Afonso I de Portugal. Foi unha rexión chave durante as loitas entre casteláns e portugueses en tempos dos reis de Castela Xoán I (1385) e Filipe II (1580).