Beirut
Capital do Líbano e do mu ḥ āfa ẓ a homónimo (1.900.000 h [1996]). Situada na costa mediterránea, ao pé das montañas do Líbano, posúe un clima mediterráneo. A cidade, que comprende un núcleo histórico formado por barrios árabes e turcos, e unha parte nova, construída ao estilo occidental, é esencialmente un centro administrativo, comercial e financeiro. E tamén centro portuario e industrial, onde se concentra case a metade da industria libanesa (destacando as ramas alimentaria e téxtil, sobre todo da seda). Nó ferroviario e encrucillada de estradas, posúe aeroporto internacional. É un referente cultural e de ensino superior non só para o Líbano, senón tamén para unha extensa área do Próximo Oriente, no que se sitúan catro universidades: a American University of Beirut (fundada en 1866), a Université Saint-Joseph (1881), a Université Libanaise (1953) e a Universidade Árabe de Beirut (1960). A antiga Berit, mencionada xa desde o s XV a C, foi destruída no ano 140 a C por Trifón. No ano 15 a C os romanos fundaron alí a Colonia Iulia Augusta Felix Berytus. Destacou como centro comercial e como núcleo da industria da seda. A cidade sufriu un intenso declive logo da súa destrución por un tremor de terra en 551. Conquistada polos árabes no 635 d C, os cruzados tomárona en 1110, manténdoa no seu poder ata 1291, ano no que foi reconquistada polos musulmáns. No s XVII os emires drusos convertérona nunha cidade independente e recuperaron o seu carácter comercial. Dende 1763 foi administrada directamente polos turcos. Durante a Primeira Guerra Mundial foi ocupada polos franceses e, ao finalizar o conflito, a Sociedade de Nacións concedeulle a Francia un mandato sobre o territorio (1920). Converteuse no centro do movemento nacionalista de carácter independentista e, ao proclamarse o Estado independente do Líbano (1941), erixiuse na súa capital. Na guerra civil libanesa (1979-1989) a cidade foi destruída e dividida en dúas zonas: unha cristiá e outra musulmana.