Belelle
Belelle
Río da vertente atlántica que desemboca na ría de Ferrol. Nace a 360 m de altitude no lugar de Xasén, na parroquia e concello da Capela, da confluencia dos regos de Carboeiro e das Figueiras. Adopta un curso de dirección L-O ata chegar á parroquia de Cabalar (Capela) onde vira cara ao N. A seguir, nun treito de dirección novamente L-O, que se prolonga un par de quilómetros, serve de límite entre as parroquias de Reguela (Cabanas) e Sillobre (Fene), para continuar despois por esta última cara ao N, ata penetrar no concello de Neda polas parroquias de Viladonelle, Anca e Neda, onde verte as súas augas á ría de Ferrol, logo dun curso duns 19 km.