belga

belga

(< lat belga)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Bélxica ou aos seus habitantes. OBS: A heteroxeneidade étnica de Bélxica fai que só sexa posible un tratamento unitario daquelas manifestacións culturais que se relacionen co estado belga (arte belga, cine belga), mentres que todas as outras teñen que ser estudiadas sobre a base étnica do estado (neerlandés ou flamengo e francés ou valón) e, polo tanto, con orixes nestas etnias.

  2. s

    Natural ou habitante de Bélxica.

  3. s [ETN/HIST]

    Grupo de pobos celtas portadores dunha cultura material hallstáttica que, procedentes da Xermania, se estableceron ao N e NE da Galia cara ao s VII a C. Durante a romanización, quedaron incluídos no territorio de Bélxica. Unha parte dos belgas, ao ser empurrados no s VI a C por outros pobos, emigraron cara ao sudoeste e penetraron na Península Ibérica, onde protagonizaron a derradeira grande invasión céltica deste territorio.

  4. arte belga [ARTE]

    Arte producida en Bélxica desde a instauración do Estado Belga no ano 1830. Herdeira dunha brillante tradición, a arte flamenga, a produción artística do novo estado pasou, durante a primeira metade do s XIX, por un período de decadencia no que destacaron imitadores da arte francesa, como o pintor François Navez (1787-1869). A euforia que sucedeu á independencia deu vida a unha escola pictórica romántica na que salientaron Gustaaf Wappers (1803-1874) e Louis Gallait (1810-1887) e que achou personalidade propia na grandilocuencia expresiva e barroca de Antoine Wiertz (1806-1864) e no retorno aos primitivos de Hendrik Leys (1815-1869). Pola súa banda, a escultura estivo ao servizo das esixencias do novo estado; os sete irmáns Geefs monopolizaron dende 1836 a 1870 a demanda dunha escultura monumental, na que Willem (1805-1853) acadou unha gran sona. Na Arquitectura, o eclecticismo historicista tivo a súa máis visible expresión no palacio de Xustiza de Bruxelas, obra de Jozef Poelaert (1817-1879), mentres que a neogótica estivo representada por Jozef Schadde (1812-1892?) na bolsa de Anveres, na que empregou o ferro, obra que marcou, na súa decoración, un precedente do Modernismo. O paisaxismo realista da Escola de Tervueren, fundada cara ao 1860 por Hippolyte Boulenger (1837-1874) e Louis Dubois (1830-1880), imitou a escola francesa de Barbizon; ao mesmo tempo, desenvolveuse un realismo social cultivado polo pintor Charles De Groux (1825-1870) e, máis tarde, polo escultor Constantin Meunier (1831-1905), que coexistiu coa escultura idealista italianizante de Paul de Vigne (1843-1901) e Julian Dillens (1849-1904), e co sensualismo autóctono de Jef Lambeaux (1857-1908). Por outra banda, mentres o intimismo burgués do pintor Hendrik de Braekeleer (1840-1888) e a sátira do gravador Félicien Rops (1833-1898) se manifestaban en Bélxica, o retratista Alfred Stevens (1823-1906) triunfaba en París. En 1884 fundouse en Bruxelas o Círculo dos XX. Baixo a dirección do crítico Octave Maus, aglutinaba todas as manifestacións culturais adiantadas arredor da revista A Arte Moderna. O Círculo agrupou distintas tendencias artísticas: James Ensor (1860-1949) desenvolveu o seu Expresionismo, Guillaume Vogels (1836-1896) cultivou un Impresionismo independente, Theo van Rysselberghe (1862-1926) chegou ao Divisionismo, Fernand Knopff (1858-1921) foi un prerrafaelista decadente e fantasioso, William Degouve de Nuncques (1867-1935) orientouse cara a un Naturalismo de apariencia irreal, e Henri van de Velde (1863-1957) promoveu o Modernismo en diversos campos. O Modernismo tivo en Bélxica a súa definitiva cristalización coa obra arquitectónica de Vic22tor Horta (1861-1946), numerosos seguidores como o arquitecto e deseñador Paul Hankar (1859-1901), o ebanista Gustave Serrurier-Bovy (1858-1910) e o xoieiro Philippe Wolfers (1851-1929). En 1893 o Círculo dos XX foi substituído pola asociación, tamén animada por Octave Maus, Libre Esthétique, máis próxima aos ideais democráticos. O realismo social rexurdiu na pintura de Eugeen Laermans (1864-1940). En 1899 o simbolista George Minne (1866-1941) do antigo Círculo dos XX e autor de esculturas místicas e estilizadas, creou xunto co pintor Gustaaf van de Woestijne (1881-1947), o irmán deste, o poeta Karel e os pintores Valerius de Saedeleer (1867-1941) e Albert Servaes (1883-1966), o grupo simbolista chamado Primeira Escola de Laethem. Nesta época impúxose o gusto nabí de Henri Evenepoel (1872-1899) e o Fauvismo do pintor e escultor Rik Wouters (1882-1916). A Segunda Escola de Laethem (1904-1909) -Gustave de Smet (1877-1943), Fritz van der Berghe (1883-1939) e o pintor e escultor Constant Permeke (1886-1952)- significou o triunfo dun expresionismo autóctono. Ao tempo, e por medio do Modernismo, Henri van de Velde chegou ao funcionalismo arquitectónico. Superados os obstáculos da Primeira Guerra Mundial, un certo expresionismo animou a obra dos pintores Edgar Tytgat (1879-1957) e Jean Brusselmans (1884-1953), e a do gravador Frans Masereel, ao mesmo tempo que o Expresionismo e un Cubismo matizado inspiraban a obra do escultor Oscar Jespers (1887-1970). Georges Vantongerloo (1886-1956), adherido ao grupo holandés De Stijl, foi un pioneiro da escultura abstracta, e Vic22tor Servranckx (1897-1965), destacou no movemento cubista bruxelés Sept Arts (1920). O superrealismo triunfou cos pintores René Magritte (1898-1967) e Paul Delvaux (1897-1996). Louis van Lint (1909) desenvolveu unha pintura abstracta construtivista, e Jean Duboscq (1928) e Pierre Alechinski (1927) o Expresionismo abstracto, o último deles integrado no grupo internacional COBRA (1948-1950). Deste grupo saíu Pol Buny, un dos clásicos do cinetismo contemporáneo. Hergé (1907-1983) encabezou unha escola de debuxantes e cómicos, representada por J. Martin, A. Franquin, Morris e Peyo.

  5. cine belga [ESPECT/IMAX]

    Cine producido en Bélxica. Cando comezou a desenvolverse a produción de filmes, polo feito de ser un país bilingüe, a maioría de actores e realizadores foron atraídos pola corrente máis forte, a francofalante, e pasaron a traballar en Francia. Pese a todo, de 1907 a 1913 desenvolveuse unha escola documental con O. Decroly e Schoukens. A competencia entre flamengos e valóns acentuouse co cine sonoro e, a partir de 1934, resolveuse a favor dos flamengos. Despois do lapso da Segunda Guerra Mundial, produciuse unha recuperación que tivo o seu momento culminante coa creación, en 1965, dunha escola de cinematografía. Destacan os realizadores: Marc Lobet, Benoît Lamy, Marian Handweder, Jean-Jacques Andrien, Maurice Rabinowitz, Marc Didden, Dominique Deruddere, Marion Hänsel e, sobre todo, André Delvaux e Chantal Akerman. Tamén sobresae o éxito de Toto le héros (1991), de Jaco van Dormal, premiada en Cannes.

  6. raza belga [GAN]
    1. Raza de cabalos que se caracterizan por ter perfil cóncavo e ser dolicocéfalos; son cabalos fortes e macizos, de pescozo potente e orellas curtas e amplas, moi aptos para o tiro e a carga.

    2. Raza bovina, chamada tamén azul de Hainaut, que provén do cruzamento das razas Durham e holandesa, posuíndo as mesmas aptitudes ca estas.

    3. Raza porcina que se cruza a miúdo con diferentes razas inglesas; a subraza máis mellorada é a Brabant-Hainaut.

Palabras veciñas

belfo -fa | Belfort | Belfort, Territorio de | belga | Belgaum | Belgorod | Belgorod