Bellini, Giovanni

Bellini, Giovanni

Pintor italiano, chamado o Giambellino. Discípulo do seu pai Iacopo e do seu cuñado Mantegna, estivo influenciado pola pintura flamenga e por Antonello de Messina. Traballou no obradoiro de Squarcione en Padua. Foi colaborador do seu pai e do seu irmán Gentile. Da súa primeira época destacan a Transfiguración e a Oración na horta. Pintou diversas Pietà e numerosas Madonne (Virxe entronizada co neno durmido), tema que cultivou durante toda a súa vida. En diversas ocasións traballou na decoración do palacio ducal de Venecia. A partir do 1500 cultivou novos temas (A núa, O festín dos deuses). Foi un magnífico paisaxista e retratista (O duque Leonardo Loredano). A súa pintura nun principio moi austera, de liñas cortantes e feitura sobria, suavizouse, tendendo cara a unha suavidade de liñas e formas, abandonando o espírito analítico do s XV, feito que xa anuncia o século seguinte. A visión intimista que presentan as súas obras correspóndese coa dos seus clientes, as ricas familias burguesas de Venecia.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Venecia