Beltrán

Beltrán
  1. [ONOM]

    Bertrán.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que, segundo algúns investigadores, ten unha orixe patronímica e que, segundo outros, descende dun dos cinco cabaleiros que trouxo na súa armada o caudillo don Mendo de Rausona, irmán de Desiderio, o derradeiro Rei dos longobardos de Italia. A súa casa primitiva semella que estivo nos arredores de Pontedeume. Estendeuse por toda España durante a Reconquista e unha das ramas pasou a América, asentándose en Cuba. As súas armas levan, en campo de sinople, unha aguia coroada, cinco estrelas, dous xabarís e dúas lanzas. Os de Pontedeume levan escudo acuartelado: primeiro cuartel, en campo de sinople, cunha aguia voante da súa cor natural; segundo cuartel, en campo de sinople, con cinco estrelas de prata colocadas en aspa; terceiro cuartel, en campo de sinople, con dous xabarís andantes da súa cor natural, postos en pao; cuarto cuartel, en campo de sinople, con dúas lanzas de ouro, cos ferros de prata, dereitas e pareadas. Os de Castela traen escudo partido: primeira partición, en campo de goles, cun castelo de ouro; segunda partición, en campo de azul, con tres flores de lis de ouro; bordo co lema veritas vincit, en letras de sable.