Benarés
Cidade do estado de Uttar Pradesh, na India, considerada a cidade máis santa do Hinduísmo (932.399 h [1991]). Situada no centro do val do Ganxes, esténdese ao longo deste río; ás súas beiras hai un gran número de ermidas, templos e pazos de diversos estilos artísticos, xunto con ghāts (amplas escalinatas) para os baños sagrados dos peregrinos. A chegada destes fai que a poboación de Benarés se incremente constantemente. Entre os seus monumentos destacan a mesquita de Aurangzeb, o templo dourado de Shiva de Vivanesvar e o observatorio astronómico (preto do Māndir Ghāt). Benarés é, por outra banda, un núcleo industrial (industria téxtil, metalúrxica, química e de manufacturas do tabaco), e está comunicada por ferrocarril e estrada con Nova Delhi e Calcuta. A súa tradición histórica, cultural e relixiosa converteuna nun importante centro dos estudios sánscritos e hinduístas, entre os que cómpre salientar o Sanskrit College, aberto no 1791, que foi o núcleo de onde xurdiu a Varanasi Hindu University, fundada en 1916 e primeira universidade da India. Beranés foi o primeiro núcleo ocupado polos arios no val do Ganxes; constituíuse como cidade-estado e, posteriormente, deveu en capital do Reino de Kashi ata o ano 650 a C, en que foi anexionada ao Reino de Kosala. Durante o reinado de Chandragupta Maurya (321-296 a C), quedou baixo a dominación de Magadha. Con Kanishka, Rei de Kabul, estivo por primeira vez baixo dominio estranxeiro (s I d C); no s VII d C formou parte do Reino de Harsha. A cidade cambiou a miúdo de dominación ata o 1033, cando foi invadida polos musulmáns e formou parte do Imperio do Gran Mongol. Cando este poder se debilitou, o Hinduísmo volveu impoñerse en Benarés. A mediados do s XVIII converteuse nun estado independente con Balwab Singh. Durante a ocupación británica foi praza forte e un importante centro comercial. En 1911 foi recoñecido estado independente e en 1949 foi incluída dentro do estado de Uttar Pradesh.