Benavente Martínez, Jacinto
Dramaturgo e empresario teatral. Na súa mocidade iniciou estudios de Dereito, pero abandonounos para introducirse de cheo na produción literaria. Alternou a obra narrativa e poética coas colaboracións periodísticas. A súa primeira obra publicada foi El teatro fantástico (1892) e a primeira estrea teatral El nido ajeno (1894), que constituíu un éxito importante e sinalou unha das súas constantes: o drama realista. As pezas posteriores terán unha maior profundidade (La noche del sábado, 1903; El dragón de fuego, 1903). Influído polo simbolismo, escribiu Los intereses creados (1909) e La ciudad alegre y confiada (1916); de carácter naturalista son obras como Señora ama (1908) e La malquerida (1913), onde analiza a psicoloxía feminina a través dos personaxes principais. Unha sátira aguda pero no fondo respectuosa da sociedade madrileña aparece en La comida de las fieras (1898), Lo cursi (1901), Rosas de Otoño (1905) e Pepa Doncel (1928), entre outras moitas. Os seus artigos xornalísticos apareceron recollidos en De sobremesa (1910), El teatro del pueblo. Acotaciones (1914) e Crónicas y diálogos (1916). A súa obra, que hai que situar no eido do realismo finisecular, constitúe unha especie de crónica social das clases máis favorecidas da España da época, unha crónica na que non falta unha visión crítica dos vicios e defectos das clases dominantes e unha actitude marcadamente moralista. Algunhas pezas súas foron presentadas en Galicia por compañías afeccionadas e por grupos escolares. Foi nomeado director do Teatro Español en 1920. Traducido a diversas linguas, concedéronlle o premio Nobel de Literatura en 1922.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Madrid -
Deceso