Berga

Berga

Municipio da provincia de Barcelona, Catalunya, cabeceira da comarca do Berguedà, situado ao pé da serra de Queralt (14.207 h [1996]). É unha das cidades dormitorio máis importantes de Catalunya fóra das da área metropolitana de Barcelona. A industria acolle a maior parte da poboación ocupada, destacando o sector téxtil, o siderometalúrxico, o de materiais de construción, o da madeira e o alimentario. A súa orixe remóntase á época prerromana. No 905 converteuse na capital do condado independente de Berga, aínda que no 1003 se integrou no condado de Cerdanya, e pasou ao de Barcelona no 1117. Durante a Guerra da Independencia contra os exércitos bonapartistas, Berga foi a sede da Junta Superior de Catalunya (1811). En 1837 estableceuse na vila o goberno carlista (Junta de Berga), ata que foi tomada polo xeneral Espartero. En 1873 foi de novo ocupada polos carlistas durante uns meses. En 1932 foi unha das poboacións nas que se levantaron os anarquistas. Entre o seu patrimonio arquitectónico destaca a igrexa prerrománica de Sant Quirze de Pedret (s IX) e a románica de Sant Pere de Madrona (s XII).