Bergantiños

Bergantiños

Comarca do NO da Comunidade Autónoma, unha das máis claramente definidas e de maior personalidade de Galicia. A súa delimitación coincide practicamente coa conca do río Anllóns. Está integrada polos concellos de Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso. A súa cabeceira comarcal é o núcleo urbano de Carballo, situado a 43° 12’ 50’’ de latitude N e 8° 41’ 20’’ de lonxitude O. Limita ao N co Océano Atlántico, ao L coa comarca da Coruña, ao O coa Terra de Soneira e ao S coas comarcas de Ordes e Xallas. Abrangue unha superficie de 739,28 km2nos que acolle unha poboación de 71.230 h (1998).
Xeografía física
A comarca participa en conxunto dos trazos característicos do clima oceánico húmido (temperaturas suaves, escasa oscilación térmica, frecuentes precipitacións, alta humidade relativa, etc), pero amosa no seu interior certos matices orixinados pola distinta orientación, latitude e lonxitude. Deste xeito a comarca do Xallas e os montes que o bordean ao S do espazo comarcal desempeñan un papel de pantalla ante os ventos húmidos do SO que, ao verse obrigados a elevarse, se condensan e provocan abondosas precipitacións, que diminúen moderadamente ao chegar ao val do Anllóns. Nas terras do interior, o clima experimenta unha certa continentalización, cunhas temperaturas máis baixas e unha maior oscilación térmica. Isto, unido a un elevado número de días de xeadas e un escaso desenvolvemento do solo, repercuten nunha agricultura pobre. Na conca do Anllóns o clima suavízase. Os rexistros de precipitacións anuais medios para a comarca están próximos aos 1.300 mm no litoral e aos 1.500-1.600 mm nas áreas interiores de maior altitude. A temperatura media anual é duns 13°C na costa e próxima aos 12°C no interior. Os ventos dominantes no inverno son os de compoñente S e SO, cunha frecuencia do 45%, aínda que os ventos de compoñente NL tamén teñen unha frecuencia apreciable. No verán a situación é totalmente distinta, sendo o compoñente dominante case en exclusiva o N, cunha frecuencia do 61%. Na primavera e no outono as situacións son moi similares, cun descenso do compoñente N e un predominio do NL. Litoloxicamente, a comarca está caracterizada polo predominio de rochas cristalinas e metamórficas (granitos e gneis preferentemente). Hai series estratigráficas das máis antigas, atravesadas por plutóns graníticos e unha ampla representación de rochas básicas cun intenso grao de metamorfismo, todo isto afectado pola oroxenia alpina, manifestada nun gran número de fallas e fracturas. Pódense distinguir as seguintes unidades: o complexo antigo, unha estreita e longa banda de gneis que se estende de Malpica ata Rianxo, un grupo de rochas graníticas que ocupa boa parte dos montes do bordo oriental e algúns treitos da costa, e unha serie de formacións recentes entre as que sobresaen as arxilas terciarias de Buño e Laracha, e os depósitos cuaternarios das marismas de Baldaio. En canto á estrutura morfolóxica, a comarca está dividida en tres zonas: o S está formado polo rebordo da meseta do bloque do Xallas, con altitudes que apenas superan os 500 m, destacando o monte Castelo (569 m), o Pedrouzo (549 m) ou o Meda (546 m). A parte central, formada na súa maior parte pola conca do río Anllóns, que presenta unha depresión con suaves ondulacións dentro dunha altitude comprendida entre os 100-200 m na súa maior parte; nesta zona cabe destacar a presenza do arranque da Depresión Meridiana (conxunto de fracturas que percorren Galicia de N a S dende Carballo ata Tui, prolongándose cara ao río Douro no Porto). A parte N forma o flanco montañoso setentrional da conca do Anllóns, aínda que con moito menor desenvolvemento altitudinal que no S; son relevos residuais (formas en resalte tras dunha prolongada erosión) que se atopan distribuídos sen gardar ningunha orde aparente de aliñamento; as altitudes máximas localízanse no monte Neme (387 m) e no Lendo (308 m). Intensamente afectada polos movementos tectónicos, unha liña de fallas percorre o municipio de Malpica en dirección SL-NO. No sector costeiro distínguense unha serie de treitos que van dende a costa baixa e areosa ata abruptos cantís. Seguindo unha secuencia de O a L, está primeiro a ría de Laxe, dividida en dous grandes alvéolos: un interior de suave pendente formado polo esteiro do Anllóns, a enseada da Insua, e outro exterior e de perfil máis rochoso que vai ata a punta Roncudo. Ao N desta continúa unha costa escarpada de cantís (que con frecuencia superan os 100 m de altitude) e de illotes e penedos batidos polo mar. O litoral aparece moi recortado por pequenas e estreitas enseadas (A Barda, Barizo, etc) e cabos (Punta Nariga, Santo Adrián, etc). Dende este último ata Caión (concello de Laracha), poucos accidentes existen, coa excepción das pequenas penínsulas dos portos de Malpica e Caión. Entre esta costa de cantís esténdese unha praia duns 6 km de lonxitude, a de Baldaio, situada entre as parroquias de Razo e Rebordelos (concello de Carballo). A súa lagoa interior, un dos abeiros ornitolóxicos de maior concorrencia polas aves migratorias, foi declarada Área de Interese Natural de Galicia. No mar, amodo de prolongación do cabo de santo Adrián, aparecen as Illas Sisargas (de litoloxía granítica) que emerxen ata unha altura que, de forma chaira, na Sisarga Grande, acada os 96 m, na Malante os 54 m, e na Sisarga Chica os 29 m. Os ríos da comarca pertencen á vertente atlántica galega, cun caudal relativo alto e cunha escasa incidencia da estiaxe. O río Anllóns é o de maior lonxitude, uns 70 km. En dirección L-O, dende o seu nacemento nos montes do Xalo (Cerceda) ata a súa desembocadura en Ponteceso forma unha conca de 516 km2. Os seus afluentes son numerosos e achegan gran cantidade de auga, sobre todo os que nacen nos montes meridionais (Vao, Taboada, Grande ou Rosende). Ademais existen algúns pequenos ríos e regos que desembocan en estreitas enseadas (Barizo ou Barda) ou directamente no Océano; estes forman vales de escasa amplitude, coa excepción das marismas de Baldaio.
Xeografía económica
A pesar do brusco descenso experimentado no sector primario durante os últimos anos, a comarca de Bergantiños mantén aínda unha porcentaxe de poboación alta neste sector de actividade, chegando ao 27,87%. Pero hai que ter en conta o peso relevante da actividade pesqueira (5,22%) na poboación activa comarcal, sobre todo nos concellos de Malpica, Laxe e Ponteceso. É, sobre todo, unha comarca de clara orientación secundaria, sector que acolle o 40,87% dos traballadores, debido á especialización na construción (24,44%). A gran cantidade de emigrantes que invisten os seus aforros neste subsector, dinamizan esta actividade e xeran, en consecuencia, moitos postos de traballo; tamén hai que ter en conta a actividade turística, que provocou a proliferación de segundas residencias nas praias (particularmente en Laxe e Laracha); outro factor é o notable número de persoas que se desprazan diariamente a traballar na área da Coruña. No resto do sector secundario destaca a existencia de establecementos fabrís que antes tiñan un carácter puntual (Calvo; UNEMSA, fábricas de ladrillos), aos que se foron sumando outros que aumentaron o emprego e a diversificación da produción industrial comarcal (fábricas de plásticos, transformados metálicos, talleres de confección, fabricación de materiais de construción, etc). Deste xeito, o total de empresas instaladas en Bergantiños é de 1.208, e que contan cuns 5.500 traballadores. Isto convértea nunha das comarcas non urbanas de Galicia cun maior volume de emprego non agrario. En canto ao sector terciario, ocupa o 31,26% da poboación activa, concentrándose a gran maioría deles na capital comarcal (Carballo), xa que é alí onde se atopan a práctica totalidade dos servicios públicos da comarca e tamén onde hai unha maior concentración dos servicios comerciais e persoais. O subsector máis representativo é o comercio (42,1% do emprego terciario), debido ao importante papel desempeñado por Carballo (a súa influencia excede os límites da comarca) e o estimable número de pequenos núcleos urbanos ou semiurbanos nos que se organiza o territorio bergantiñán, que adoitan ter un importante número deste tipo de establecementos. Unha característica do emprego neste sector é a súa atomización empresarial, cunha media de 2,5 empregos por empresa. Estes trazos xerais ocultan, sen embargo, a realidade dunha comarca con fortes contrastes internos. Hai concellos de orientación primaria agraria (Cabana e Coristanco), outros onde o sector primario é maioritario debido á súa importante actividade pesqueira (Malpica, Laxe e Ponteceso), un concello, Laracha, caracterizado por unha clara especialización secundaria e sobre todo industrial e, finalmente, un importante centro terciario de ámbito comarcal e extracomarcal, apoiado nun sector secundario moi forte (Carballo). A evolución dunha base agraria a outra onde os sectores secundario e terciario son maioritarios, foi un proceso rápido, provocado máis que por un trasvasamento real de poboación agraria cara ás outras actividades, por mor do avellentamento das persoas que traballan no campo e a súa xubilación.
Xeografía humana
Demograficamente, a comarca de Bergantiños pasou de contar con 43.400 h en 1887 a 71.230 en 1998, un incremento de case o 40%. A primeira metade do s XX caracterizouse, en primeiro lugar, por unhas altas taxas de natalidade, entre un 30‰ e un 40‰. En segundo lugar, as crises económicas a nivel mundial supuxeron un estancamento da corrente emigratoria. Por último hai que ter en conta que a explotación mineira da comarca serviu para fixar e atraer poboación en determinados anos (particularmente durante as dúas Guerras Mundiais); así, en 1950, a poboación da comarca xa era de 70.208 h. Nas décadas de 1950 e 1960, a emigración (orientada en primeiro lugar cara a Sudamérica e logo cara a Europa Occidental) provocou que o crecemento da poboación fora moi pequeno, contando en 1970 con 70.949 h. A partir de 1973, a crise económica restrinxiu aínda máis a emigración e favoreceu o regreso de emigrantes de décadas pasadas. Aínda así, non cesou o descenso da poboación na comarca. Nas décadas de 1980 e 1990 a poboación seguiu descendendo, sobre todo debido á falta de iniciativas empresariais nos sectores secundario e terciario para absorber a man de obra excedentaria dun sector primario en proceso de reestruturación. Así, en 1991, acadouse unha poboación de 67.298 h (a máis baixa dende o ano 1950). En 1998, semella que a recuperación poboacional comarcal é un feito, sobre todo grazas ás melloras nas comunicacións intra e extracomarcais, a unha maior dotación de servicios e equipamentos, e ao desconxestionamento industrial da área metropolitana da Coruña; acadáronse neste ano os 71.230 h. A estrutura por idades da poboación indica que xa está nun estadio de transición cara ao avellentamento: os maiores de 65 anos son aproximadamente un 15% da poboación total.
Configuración comarcal
Artellada arredor da conca do Anllóns, a de Bergantiños é unha comarca natural ben delimitada e cunha personalidade contrastada e definida. Ao instaurarse a división do territorio en partidos xudiciais a principios do s XIX, as parroquias que integran os concellos da comarca actual xa estaban adscritas, cos seus respectivos municipios daquel momento, a un único partido. En 1991 constituíuse a Mancomunidade de Municipios de Bergantiños, entidade supramunicipal creada co obxectivo de xestionar servicios comúns. No deseño do proxecto de comarcalización de Galicia (1994), a de Bergantiños foi escollida pola Sociedade de Desenvolvemento Comarcal de Galicia na segunda fase de establecemento de comarcas piloto (concebidas como instrumento onde poder avaliar as posibilidades do implemento dunha administración a ese nivel territorial e observar a súa repercusión no desenvolvemento socioeconómico local).
Historia
A antigüidade do poboamento da comarca está probada polos abundantes restos prehistóricos espallados ao longo dos concellos que a forman. O resto máis antigo atopouse na lagoa de Alcaián (Coristanco), un biface datado no Paleolítico Inferior. Da época megalítica e castrexa consérvanse numerosos castros e mámoas. Entre todos eles destacan o dolmen de Dombate e o castro de Borneiro, ambos en Cabana. En Carballo atópase a Pedra Moura e o castro de Torres Pardiña. En Gondimil, preto de Corme (Ponteceso) e Santo Adrián (Malpica de Bergantiños) consérvanse uns petroglifos cun mesmo tema: unha serpe envolvida sobre si mesma. Non se observan moitos signos da presenza romana na zona aínda que o itinerario Per loca maritima cruzaba a comarca e hai tramos da calzada en Laracha e Malpica de Bergantiños. Sobre esta calzada e no límite entre os concellos de Carballo e Coristanco, consérvase a Ponte Lubiáns. En Laracha existiu un templo dedicado a Hércules Xónico no lugar onde estaba situado o convento de San Pedro de Soandres. As augas medicinais de Bértoas da Lagoa en Carballo xa eran coñecidas polos romanos; co tempo as augas medicinais do concello foron explotadas polo balneario de Baños Vellos. Durante a Idade Media exerceu unha grande influencia sobre as terras da comarca o mosteiro de San Pedro de Soandres (Laracha) que tivo xurisdición sobre Carballo e Laracha. En Cabana existiu un mosteiro beneditino no s IX ou X que no s XV pasou a depender de San Martiño Pinario. Sobre algunhas das parroquias de Coristanco exerceu xurisdición o mosteiro de San Mamede de Seavia e o arcebispo de Santiago de Compostela. En Ponteceso existiu no s IX o mosteiro de Almerezo, fundado por san Rosendo, que pasou a depender do mosteiro de Sobrado. Ademais da presenza monacal, asentáronse nas terras bergantiñás casas nobiliarias galegas como os Bermúdez de Castro, Martelo, Núñez, Traba e Monterrei, entre outros. Nas terras de Laxe viviu Pedro Froilaz de Traba quen se ocupou da crianza de Afonso Reimúndez, primeiro Rei de Galicia. A Idade Moderna foi, en xeral, unha época de esplendor e enriquecemento como así o amosan o gran número de construcións pacegas e igrexas conservadas. En Laxe, o crecemento da vila vai asociado ao seu porto pesqueiro e comercial, feito que tamén sucedeu en Malpica de Bergantiños, vila que se converteu nun dos principais portos baleeiros de Galicia. O redescubrimento das augas medicinais de Carballo en 1716 supuxo un novo pulo para a vila e o inicio do seu crecemento, continuado ao longo dos séculos seguintes. Co establecemento dos actuais concellos configurouse a actual situación comarcal.
Patrimonio cultural
A comarca conta cun patrimonio abundante que reflicte a súa vitalidade ao longo da historia. Ademais dos restos prehistóricos antes mencionados, cómpre salientar o castro de Torre Pardiñas en Carballo, e os castros conservados en Coristanco: Oca, Arixón, Cotón, Santa Cecilia, Lume de Suso, Insua, Portal e Villar. En Coristanco hai unha ara da época romana preto da desaparecida capela de san Roque en Seavia. Da mesma época é un miliario de Laracha e as aras descubertas en Laxe. Máis numerosos son os monumentos conservados da época medieval. Restos prerrománicos hai, entre outras, na igrexa de Lemaio (Laracha), e románicos en Cesullas (Cabana), Santiago de Traba (Laxe), San Fiz de Anllóns e San Martiño de Cores (Ponteceso), aínda que moitas destas construcións continuaron a ser edificadas en épocas e con estilos posteriores. O gótico está presente na igrexa do antigo mosteiro de Soandres e na igrexa da Atalaia en Laxe. Das antigas fortalezas medievais destacan as Torres de Mens (Malpica de Bergantiños) que pertenceron á fortaleza de Mens, derrubada nos tempos das loitas irmandiñas e da Torre de Nogueira (Coristanco), construción gótica do s XV. Tamén do s XV destaca a Casa do Arco de Laxe, mostra do esplendor que gozou a vila naqueles tempos. No s XVI fundouse en Caión (Laracha), o mosteiro de Santa María do Socorro do que se conserva a portada renacentista, de estilo plateresco é a igrexa de San Xurxo de Caión (Laracha) pertencente ao antigo convento de san Agustín, fundado no s XVI por Fernando Bermúdez de Castro. Os exemplos máis destacables do Barroco son a igrexa de Santa María de Rus (Carballo) que alongou a súa construción ata o s XIX e a igrexa de Castro (Coristanco). A comarca conta cun gran número de pazos espallados por todos os seus concellos. Así, en Cabana, están os pazos do Bosque, Canduas, Corcoesto, Castro de Amido e a Torre da Penela; en Carballo os de Vilardefrancos, das Pallas, do Souto, de Gontade e de Cambrelle, ademais doutras casas nobiliarias como as Torres de Oza ou as de Cauces; en Coristanco destacan os pazos de Cereo Vello e de Ponte, en Laxe o pazo máis sobranceiro é o de Leis e en Ponteceso a Casa Grande de Sergude e os pazos de Gondomil, Buitureira e Rebordáns, así como a casa onde naceu Eduardo Pondal. No eido da artesanía cómpre salientar a tradición oleira de Buño (Malpica de Bergantiños).
Patrimonio natural
Moitos son os lugares da comarca onde se pode gozar do contorno natural. En Carballo está o espazo protexido de Razo Baldaio e na parroquia de Entrecruces a chamada Férveda de Entrecruces ou Salto da Férveda sobre o río. En Coristanco, ao pé do monte Bubela, está situada a chamada lagoa de Alcaián que é coñecida polo nome de Braña Rubia. O areal da Traba (Laxe) é un conxunto de dunas que separa a praia dunha pequena lagoa. O cabo de santo Adrián e as illas Sisargas forman o espazo natural de Malpica de Bergantiños. Por último, en Ponteceso, atópase a Punta do Roncudo e a presa da Saimia sobre o río Anllóns.
Patrimonio etnográfico
Entre as festas que teñen lugar na comarca destacan: a romaría de San Fins do Castro en Cesullas, Cabana; as festas de San Xoán en Carballo; a romaría de Santo Antonio de Agualada en Coristanco; os Milagres de Caión e Santa Marta en Laracha; as dos Milagres de Traba, Santa Rosa e Cruz da Rosa en Laxe; a romaría de Santo Adrián do Mar e as Festas do Mar en Malpica de Bergantiños, e a romaría da Virxe do Faro preto de Corme, en Ponteceso.