Bergara
Municipio do territorio de Gipuzkoa, Euskadi, situado no val do río Deba (15.317 h [1996]). É un centro industrial, favorecido pola súa situación nun nó de comunicacións. No termo atopáronse dúas estacións megalíticas, a de Udala-Intxorta e a da Elosua. Situada no interior do país dos vascóns, permaneceu allea á influencia romana e musulmana. A primeira referencia documental data de 1050, nunha escritura rexia de doazón de leiras ao mosteiro de San Juan de la Peña. Ao incorporarse o señorío de Gipuzkoa ao Reino de Castela (1200), principiou un proceso de fundación de vilas no que se inscribe a creación, no camiño de Vitoria a Deba e Getaria, de Villanueva de Vergara, fundada por Afonso X en 1268 baixo o foro de Vitoria. Coa intención de confirmar a posesión e frear o perigo que supuñan franceses e navarros, Afonso X concedeulle privilexios en 1273. Durante a Baixa Idade Media a vila experimentou un proceso de expansión urbana e económica que se prolongou na Idade Moderna: o mercado de trigo que se celebraba tres días á semana impulsaba o seu papel de centro comercial e artesanal. O s XVI foi a época de esplendor da arquitectura civil (casa de Ordanza e de Eguino-Mallea) e relixiosa (Trinitateko Komentua -convento da Trindade-, Jesuiten Ikastetxea -colexio dos xesuítas-). Trala expulsión dos xesuítas de España por orde do Rei Carlos III, a Euskal Herriaren Adiskideen Elkarteak (Sociedade de amigos do país) solicitou ao Rei o colexio, que se converteu nun centro de ensino de sona mundial. Foi tamén sede do Real Seminario Patriótico Vasco, fundado en 1796 e instalado desde 1799 no colexio. En 1839 asinouse en Bergara a fin da Primeira Guerra Carlista. O ferrocarril, que chegou en 1888, contribuíu ao seu desenvolvemento industrial, especialmente no sector metalúrxico, co que Bergara se converteu nun núcleo receptor de inmigrantes procedentes doutras rexións do estado.