berilio

berilio

(< lat beryllu < gr βήρυλλος ‘pedrapreciosa de cor verde’)

  1. s m [QUÍM]

    Elemento metálico pertencente ao grupo IIA da táboa periódica (segundo período), de número atómico 4 e peso atómico 9,0122, que actúa con valencia 2. Foi descuberto por L. N. Vauquelin en 1798, pero non foi illado por vez primeira ata 1828 por F. Wöhler e por A. A. B. Bussy, independentemente. O berilio é un metal duro, brillante, de cor gris clara, medianamente escaso na codia terrestre (0,001-0,0006%). Industrialmente se prepara por redución a partir do berilo. O metal compacto mantense estable por debaixo dos 700°C e tamén resiste a auga e os ácidos oxidantes, debido á protección que lle outorga a capa externa de óxido que forma. O berilio ten propensión a establecer enlaces covalentes, como se pon de manifesto na mala condutividade eléctrica do cloruro fundido. O elemento puro ten un uso moi limitado e emprégase para facer portaobxectos de microscopio electrónico e como moderador e reflector de neutróns en reactores nucleares. Pero a crecente importancia práctica do berilio e dos seus compostos está nas propiedades extraordinarias que outorgan ás aliaxes onde están presentes, que as fan especialmente útiles en aeronaves supersónicas e astronaves, mísiles, xiroscopios, resortes e outras pezas de precisión que han de cumprir rigorosas condicións mecánicas de resistencia química ou de estabilidade dimensional ao longo do tempo, ás veces con temperaturas moi variables.

  2. aluminato de berilio [QUÍM]

    crisoberilo.

  3. cloruro de berilio [QUÍM]

    Cristais delicuescentes, brancos ou amarelados, que se funden a 440°C, moi solubles en auga (con liberación de calor). Empréganse na preparación de aliaxes de berilio.

  4. fluoruro de berilio [QUÍM]

    Sólido higroscópico que se sublima a 800°C, moi soluble en auga, obtido por descomposición térmica (900-950°C) de fluoroberilato de amonio e empregado para a produción de berilio metálico por redución con magnesio. Utilízase na preparación de aliaxes de berilio e na fabricación de vidro.

  5. hidróxido de berilio [QUÍM]

    Pos brancos que se descompoñen en óxido de berilio cando se quentan, solubles en ácidos e en bases obtidas por precipitación con álcali dunha solución pura de acetato de berilio.

  6. metafosfato de berilio [QUÍM]

    Material granular, de alto punto de fusión, insoluble en auga, empregado en materiais cerámicos especiais e como soporte de catalizadores.

  7. nitrato de berilio [QUÍM]

    Cristais brancos delicuescentes que se presentan en forma de trihidrato [Be(NO 3 ) 2 ·3H 2 O], moi solubles en auga. Emprégase como endurecedor na composición de camisas de incandescencia.

  8. óxido de berilio [QUÍM]

    Pos ou cristais de moi boa condutividade térmica e notable resistividade eléctrica, que se funden arredor de 2.530°C. Serve como ultrarrefractario en crisois, tubos, culleres de turbina de gas, etc. Tamén se emprega moito en plantas nucleares.