Berlin, Isaiah

Berlin, Isaiah

Filósofo, escritor e diplomático británico de orixe letona. Educouse en Oxford, onde se licenciou en Filosofía. No 1942 nomeárono primeiro secretario da embaixada do seu país en Washington. Foi profesor de Teoría Política e Social na Universidade de Oxford e de Humanidades na City University de Nova York; ademais foi profesor invitado nas universidades de Harvard, Bryn Mawr College, Chicago e Princeton. Está considerado como o filósofo máis importante dentro do pensamento liberal, ademais de ser un escritor cunha visión marcadamente humanista. Nas súas obras atacou o Determinismo, fundamentalmente marxista, e defendeu que a historia non podía nin debía tentar ser obxectiva. A súa filosofía política é empírica, pluralista e liberal, na mesma liña que Emile Durkheim. Entre as súas obras cómpre salientar: Karl Marx (Carlos Marx, a súa vida e o seu contorno, 1939), Two concepts of liberty (Dous conceptos da liberdade, 1954), unha referencia clásica e esencial en todo debate sobre a filosofía política ou moral, Historical inevitability (Inevitabilidade histórica, 1954), Four essays on liberty (Catro ensaios sobre a liberdade, 1969), Concepts and categories (Conceptos e categorías, 1978) e Against the current: essays in the history of ideas (Contra corrente: ensaios na historia das ideas, 1979). Foi presidente da Academia Británica. Recibiu o Premio Erasmus (1983), o Benjamin E. Lippincott (1984) e o Premio Internacional Senatore Giovanni Agnelli (1987), que lle concedeu a FIAT pola súa contribución á reflexión sobre a dimensión ética nas sociedades industriais. Foi investido doutor Honoris Causa nunha vintena de universidades de todo o mundo.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Riga

  • Deceso

    Lugar : Oxford