Bermudas, As
Arquipélago británico do Atlántico Setentrional formado por unhas 360 illas e illotes de orixe coralina (53,5 km2; 64.000 h [1998]). As illas máis importantes son a de Bermuda ou Gran Bermuda (Great Bermuda ou Main Island) e as de Saint George’s, Ireland, Watford, Somerset e Gate. O arquipélago sitúase a 32° de latitude N e 65° de latitude O, 965 km ao L do litoral oriental dos EE UU, e a súa capital é o porto de Hamilton, na illa Bermuda.
Xeografía
O arquipélago é unha formación coralina, feito excepcional nesta latitude. Ao carecer de mananciais, o abastecemento de auga debe facerse por medio de estacións potabilizadoras. O clima é oceánico temperado, e as temperaturas oscilan entre os 7°C de mínima e os 33° de máxima. Está nunha área atravesada por furacáns, especialmente frecuentes ao remate da estación estival. Os principais recursos económicos son a agricultura (destacan os cultivos de horta e de flores) e a pesca (cunhas capturas en 1996 de 497 Tm de peixe). A actividade turística transformou a economía tradicional; cifras de visitantes como os 387.556 en 1995, contribuíron a converter o sector terciario no que xera a maior parte do produto interior. A falta de impostos atraeu capitais estranxeiros, sobre todo norteamericanos e británicos. A unidade monetaria é o dólar das Bermudas. Os principais portos son os de Hamilton, Saint George´s e Dockyard. Tamén posúe un aeroporto internacional (Kindley Field). A penas unha vintena das illas están habitadas. O 61,3% da poboación é de orixe africana e só o 37,3% é descendente de europeos. A relixión protestante é a confesión hexemónica (cunha pequena minoría católica). A lingua oficial é o inglés, falándose tamén un inglés crioulo.
Historia
Descubertas en 1502 por Juan Bermúdez, As Bermudas estiveron despoboadas ata o principio do s XVII. En 1609 unha tempestade fixo naufragar a nave inglesa de George Somers, que se asentou alí e fundou unha factoría. En 1684 convertéronse nunha colonia inglesa con autogoberno limitado. En 1941, durante a Segunda Guerra Mundial, EE UU obtivo o dereito de utilizar, durante noventa e nove anos, algunhas illas como base naval e aérea. No último cuarto do s XX as cuestións raciais e a independencia centraron a vida política das Bermudas, chegando a celebrarse un referendo, o 16 de agosto de 1995, no que o 74% da poboación rexeitou a independencia. Deste xeito o arquipélago das Bermudas continúa mantendo o seu status de colonia do Reino Unido, dotada dunha asemblea lexislativa de 40 membros que elixe o Primeiro Ministro, cargo que ostenta dende o 27 de marzo de 1997 Pamela Gordon, do partido conservador Unified Bermuda Party (UBP, Partido Unido das Bermudas).