Berna

Berna

Capital de Suíza e do cantón de Berna, á beira do río Aare (124.412 h; 317.074 h na aglomeración urbana [1998]). O primitivo núcleo urbano, Nydeck, estableceuse nun outeiro que dominaba o río. As principais funcións de Berna son a administrativa, derivada do seu carácter de capital confederal helvética, e a cultural. Nesta última destacan dotacións museísticas como o Historisches Museum ou o Kunstmuseum, bibliotecas como a Schweizer Landesbibliothek e centros de ensino superior como a Universidade de Berna, fundada en 1834. A poboación activa traballa, maioritariamente, no sector terciario. Berna, caracterizada polas súas rúas con soportais do s XVIII, conta ademais como elementos sobranceiros do seu patrimonio arquitectónico coa catedral (1421-1573) e o portal da Zeitglockenturm (Torre do Reloxo), de estilo gótico. Fundada en 1191 polo duque Bertold V de Zähringen e cidade imperial desde 1218, Berna entrou dentro da Confederación Helvética no ano 1353. A partir das guerras da Reforma (1528), iniciouse unha loita polo poder na que resultou vencedora a aristocracia que, ao deixar de consultar ao municipio, provocou unha serie de revoltas sociais, entre elas a dos labregos no ano 1653. A revolución de 1830 deulle o poder á burguesía, que promulgou unha constitución democrática (1831). O 12 de setembro de 1848 Berna foi designada capital da Confederación Helvética.