Bernárdez Vilar, Xoán
Escritor. Realizou estudios de Maxisterio en Pontevedra. Desenvolve a súa actividade profesional nunha entidade bancaria. En 1976 publicou a novela Un home de Vilaméan: anatomía dunha revolución (Premio Alfredo Somoza do Patroado da Cultura Galega de Montevideo), onde ofrece unha visión da revolta irmandiña do século XV. En 1983 foi premiado no certame literario Modesto R. Figueiredo de narracións curtas polo relato “Homo sapiens”. Outras obras súas son: Ouveade, naves de Tarsish! (1983), baseada na Ora Maritima de Rufo Festo Avieno; Vento do Norte, vento do Sur (Premio da Casa Galicia de León, 1985); O ano do cometa (Premio Xerais 1986, publicada en 1987) e Xerusalén Xerusalén! (1992). Dirixiu a revista Latexo e o semanario Galicia Social, ademais de colaborar noutras publicacións. Recibiu o Premio Galicia de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela en 1990 polo seu traballo “Galicia no século VI antes de Cristo. Estudios histórico-xeográficos da Ora Marítima de Rufo Festo Avieno”.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Marín