Bernardiño
Antropónimo procedente do italiano Bernardino. Este deriva de Bernardinus, latinización do xermánico Bernhard (Bernardo) con derivación diminutiva, posiblemente a través do francés Bernardin ou do italiano Bernardino. San Bernardiño de Siena (1380-1444), patrón desa cidade italiana e predicador franciscano, foi fundador da Congregación dos Frades da Observancia. Invócano contra a rouquén e as doenzas pulmonares, pois tiña unha voz feble e rouca; en Galicia invócase contra as hemorraxias. A súa festa celébrase o 20 de maio. A tradición oral dá mostra da devoción popular cara a este santo: “A sacha de san Bernardiño, a que máis agradece o viño. Arrenda de san Bernardiño, moito lla agradez o viño. Auga por san Bernardiño non dá pan e tira o viño. Auga por santa Rita, todo o tira. Polo san Bernardiño, quen cavou, ben fixo. Por san Bernardiño, o que sachou, ben fixo. Por andar aos niños levaron preso a san Bernardiño”. Como variantes presenta Bernaldín e Bernardín.