Bernstein, Eduard
Polítíco e pensador. Foi o iniciador da corrente revisionista do Marxismo. En 1872 afiliouse ao Sozialdemokratische Partei Deutschland (SPD, Partido Socialdemócrata Alemán) e foi delegado no congreso de Gotha (1875), onde se decidiu a unión do socialismo alemán (marxistas e lassallianos) nun único partido. En 1878 foi nomeado director de Sozialdemokrat, publicado en Zúric. Debido ás campañas que iniciou dende este medio, foi expulsado de Suíza e Alemaña, polo que se refuxiou en Londres, a onde chegou en 1882. En Londres entrou en contacto coa Fabian Society e con Karl Kautsky, cos que colaborou na confección do Programa de Erfurt, e entre 1883 e 1900 dirixiu en Londres o New Times. En 1901 puido regresar a Alemaña. En Die Voraussetzungen des Sozialismus und die Aufgaben der Sozialdemakratie (As premisas do socialismo e as tarefas da socialdemocracia, 1899), defendeu teses reformistas que se opuñan frontalmente ao marxismo clásico; neste sentido contradiciu as teses de Marx sobre a tendencia á concentración capitalista e sinalou que a ampliación da clase media, a mellora das condicións da clase obreira e o desenvolvemento do mercado mundial invalidaban a loita de clases, polo que defendeu unha transición pacífica e gradual do capitalismo ao socialismo. Aínda que estas teses foron duramente atacadas por Kautsky, testamenteiro de Marx e Engels, quen publicou Bernstein und das Sozialdemokratische Program (Bernstein e o programa socialdemócrata, 1900), por Luxemburgo, Plekhanov e Bebel, e foron rexeitadas nos congresos de Stuttgart e Hannover (1899), foi elixido deputado do Reichstag en 1902. Durante a Primeira Guerra Mundial (1914-1918) estivo coa minoría contraria á guerra.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Berlín -
Deceso