Berruguete, Pedro de
Pintor. Entre 1475 e 1480 traballou no palacio de Urbino. A delimitación do traballo que realizou orixinou polémicas entre os especialistas. Atribúenselle a maior parte dos retratos imaxinarios de homes ilustres que decoraban o studiolo ou camarín do duque, entre eles, o Retrato do duque Federico de Montefletro co seu fillo. O seu estilo concerta dun xeito persoal a minuciosidade descritiva do estilo flamengo cunha monumentalidade e cun sentido da perspectiva, do espazo e da luz estritamente italianos. En 1483 volveu a Castela, onde introduciu as novidades renacentistas italianas e acomodounas ao gusto tradicional castelán, como é o caso dos fondos dourados e a suntuosidade decorativa. Unha boa parte da súa actividade realizouna en Ávila, onde pintou como mínimo catro retablos, o maior da catedral e tres máis para o convento de Santo Tomás: o maior, o de san Domingos e o de san Pedro Mártir. Son notables tamén os retablos de Paredes de Nava, a Decapitación de san Xoán Bautista, de Santa María del Campo (Burgos), a Anunciación da cartuxa de Miraflores e o díptico da catedral de Palencia.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Paredes de Nava -
Deceso