Besançon

Besançon

Capital do departamento de Doubs e do Franco Condado, Francia, na beira dereita do río Doubs (119.194 h [estim 1995]), coñecida tamén como estación balnearia. É a antiga Vesontio, fortaleza dos secuanos. No 456 foi conquistada polos burgundios e no 1032 pasou a ser unha cidade gobernada polos seus arcebispos, liberada do dominio destes converteuse nunha cidade imperial durante o s XIII. No 1595 foi unida á coroa de España e posteriormente incorporouse a Francia pola Paz de Nimega (1678). Luís XIV, ao mesmo tempo que lle suprimiu todas as liberdades, converteuna na sede do Parlamento (1676) e da Universidade (1691). Entre os seus monumentos destacan a catedral de Saint-Jean, románica e gótica, o pazo renacentista de Granvelle (s XVI) e a Casa do Concello (s XVI).