Betanzos e a súa comarca
Xornal gratuíto de periodicidade mensual editado pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos (Acebe), distribuído en Betanzos e na comarca das Mariñas. Apareceu o 1.11.1992 e ten unha tirada de 15.000 exemplares. Galeguizou a súa cabeceira no ano 1997 e escribíronse en galego a maior parte das súas informacións (90%). Conta con máis de vinte colaboradores entre xornalistas, historiadores, fotógrafos, debuxantes e filólogos. Entre as súas seccións, amais dalgúns artigos de opinión, destacan: “Praza do Campo”, con información local, “Información xuvenil”, “Tendencias”, coas últimas novidades discográficas, “Verbas”, coas novas achegas da literatura galega, “Deportes”, “Motor”, “Saúde”, “Historia” e “Asociado”, na que se inclúe unha entrevista con algún comerciante da vila.