Bibei

Bibei

Río afluente do Sil pola esquerda, o máis importante dos seus tributarios. Nace a 1.950 m de altitude, na vertente occidental da serra Segundeira, no lugar de Bibei do concello do Porto (adscrito á provincia de Zamora, Castela e León). O seu curso adáptase á tectónica, encaixándose sobre materiais plutónicos (granitos, granodioritas, ortoneises) sobre os que avanza cara ao SO. Antes de deixar o concello do Porto asulaga o encoro de San Sebastián, provocado pola presa homónima, na parroquia de Pradorramisquedo (concello de Viana do Bolo), onde penetra na Comunidade Autónoma de Galicia. Ao chegar á parroquia de Cepedelo (Viana do Bolo), no límite co concello de Pías (Zamora), cae de novo noutro encoro, o de Pías, provocado polo dique da Veiga Redonda, lugar situado entre as parroquias de Cepedelo e Sever (Viana do Bolo) e Barjacoba (Pías). Segue cara ao S pola parroquia de Sever no límite co concello de Pías, virando a seguir 180° en dirección NO. Continúa drenando as parroquias de Vilaseco da Serra, Tabazoa de Umoso, Vilardemilo, Quintela de Umoso, Solbeira, Pinza, Rubiais, Louzaregos, San Martiño e Punxeiros. Ao chegar a Viana do Bolo, noutro encoro, o do Vao, recibe os seus primeiros afluentes destacables, o Camba e o Conso, ambos os dous pola esquerda. O encoro do Vao baña as parroquias de Quintela do Pando Santa Mariña da Ponte, Covelo, Grixoa e Vilarmeao. A súa presa sitúase entre esta última parroquia e as de Reigada (Manzaneda) e Buxán (O Bolo), polas que se adentra o Bibei marcando o límite entre os seus respectivos concellos; o Bibei forma esta fronteira municipal na súa totalidade, polas parroquias citadas e as de San Miguel de Bidueira, Soutipedre e Cesuris (Manzaneda) e Tuxe, Cambela, Vilaseco, As Ermidas, Santa Cruz, Lentellais e Chandoiro. Logo penetra no concello de Larouco pola parroquia de Portomourisco, onde recibe pola dereita o Xarés, o principal dos ríos que verten nel. Vira cara ao O, sendo de novo fronteira, desta volta entre as parroquias de Larouco (Larouco) e Cesuris (Manzaneda), e entre esta última e as de Enciñeira (Quiroga) e Mendoia (A Pobra de Trives). Unha nova viraxe para adaptar o seu curso á tectónica lévao de novo cara ao N, entre as parroquias de Mendoia, Piñeiro, Barrio e Navea (A Pobra de Trives) e Enciñeira e Montefurado (Quiroga). En Navea recibe o seu derradeiro gran afluente, que é o río do mesmo nome. O Bibei desemboca no encoro de Montefurado, logo dun percorrido de 95 km e de drenar unha conca de 1.565 km2. Achega ao Sil un caudal absoluto de 41,77 m3/s (media anual), distribuído segundo un réxime que amosa a forte incidencia da estiaxe, de xeito que oscila entre os 76,5 m3/s no mes de xaneiro e os 3,5m3/s en agosto.