Biblioteca Nacional

Biblioteca Nacional

Biblioteca pública con sede en Madrid, centro do sistema de bibliotecas do estado español. Foi fundada por Filipe V o 2 de xaneiro de 1712 como Biblioteca Real cun dobre obxectivo: fomentar o estudo nos seus súbditos e reunir as bibliotecas dos nobres emigrados que loitaban na guerra en apoio de Carlos de Austria. Por un privilexio real, precedente do actual depósito legal, os impresores debían depositar un exemplar dos libros impresos en España. En 1793 creouse a Imprenta Real e a ela trasladouse a actividade editorial da Biblioteca Real. En 1836 a Biblioteca pasou a depender do Ministerio da Gobernación e recibiu por vez primeira o nome de Biblioteca Nacional. Durante o s XIX ingresaron por incautación, compra ou doazón a maioría dos libros antiguos e valiosos que posúe a Biblioteca (70.000 volumes procedentes dos conventos madrileños afectados pola desamortización). A súa nova sede ocupa a planta principal do edificio con 35 salas e cun gran salón de lectura con capacidade para 320 persoas. En 1931 reorganizouse o salón dotándoo cunha importante colección de obras de consulta; creouse a Sala Xeral destinada a estudiantes, obreiros e lectores habituais. Debido á afluencia masiva de lectores, debeu trasladarse en 1932 a unha sala de maior capacidade na planta baixa do edificio, con entrada directa desde o xardín, que inaugurou o Presidente da República Alcalá Zamora. Durante a Guerra Civil (1936-1939), reuníronse na Biblioteca Nacional cerca de 500.000 volumes procedentes da actividade da Xunta de Incautación, destinada a salvar da destrución as obras de arte e libros conservados en centros relixiosos, palacios ou casas particulares. En 1943 creouse a Hemeroteca Nacional, que se abriu ao público en 1949. En 1957 aprobouse o Regulamento de Depósito Legal. En 1985 iniciouse a implantación do Sistema Automatizado de la Biblioteca Nacional (SABINA). Por Real Decreto de 1986 integráronse na Biblioteca Nacional a Hemeroteca Nacional, o Instituto Bibliográfico Hispánico e o Centro del Tesoro Documental y Bibliográfico. En 1988 iniciouse unha nova fase na automatización da Biblioteca Nacional co novo sistema ARIADNA que entrou en funcionamiento en 1991. Dende o 1996 pódese acceder a ela dende Internet, ofrecendo unha base de datos con máis dun millón de descricións dos seus fondos. Esta biblioteca centra as súas actividades en potenciar o seu carácter de centro depositario do patrimonio bibliográfico e documental de España en calquera soporte, que ingresan polo cumprimento do Depósito Legal. Trátase do centro de transferencia da información como cabeceira do Sistema Español de Bibliotecas, construíndo unha base de datos na que se inclúen, coa maior precisión, as descricións dos materiais que cada ano se publican así como as descricións existentes no sistema manual convertidas en soporte informático. Desta forma, a información pode estar dispoñible mediante a edición de forma tradicional, en soporte informático ou o acceso en liña mediante a Rede PIC, IRIS ou calquera outro acceso X.25 ou videotex. É tamén un centro de acceso ao documento, con novas salas que axilizan o proceso de reprodución dos materiais en atención aos usuarios directos e remotos que o soliciten utilizando novas tecnoloxías como a dixitalización, que permitan manter o equilibrio entre acceso e conservación do documento. Ademais, funciona como centro difusor de cultura e comunicación, mediante a realización de exposicións e reproducións facsímiles dos seus fondos. Este labor increméntase co Museo, no que se amosa ao público este patrimonio cultural. Contén 4.000.000 de volumes, 30.000 manuscritos, máis de 3.000 incunables e 100.000 volumes raros. Así mesmo, posúe un fondo moi valioso de impresos diversos, cartografía, música e revistas, xunto coa Sala Cervantes.