Biblioteca Nacional

Biblioteca Nacional

Biblioteca pública fundada en 1796 en Lisboa. Os seus fondos iniciais proviñan da biblioteca da Real Mesa Censória e de moitas librerías dos colexios xesuítas, xunto ás doazóns do intelectual Manuel do Cenáculo e dos clérigos da Divina Providência. O seu primeiro bibliotecario maior, António Ribeiro dos Santos, ocupouse de organizala e de potenciar a súa función de institución cultural, así como de adquirir valiosas obras como a Biblia de Gutenberg e unha Biblia hebrea iluminada do s XIII. Coa extinción das ordes relixiosas en 1834, os fondos da biblioteca enriquecéronse coa chegada das librerías que ata ese momento albergaban os conventos; entre elas, a do Mosteiro de Alcobaça con 455 códices dos ss XII e XIII en latín e numerosas copias de textos portugueses dos ss XIV e XV. Na segunda metade do XIX con António Enes comprouse: a biblioteca do coleccionador Francisco de Melo Manuel, parte da de Tomás Norton, a Colecção Pombalina da familia do marqués de Pombal, etc. Trala proclamación da República en 1910 chegaron novas incorporacións, mesmo algunhas obras da familia real portuguesa. Coa extinción da Compañía de Xesús chegou a copia máis antiga das Crónicas de Fernão Lopes. Entre as obras medievais destaca o Cancioneiro da Biblioteca Nacional (antigo Colocci-Brancuti), repertorio de poesía trobadoresca galego-portuguesa que pertencenzera ao humanista italiano Angelo Colocci.