Biblioteca Universitaria de Santiago
Biblioteca universitaria que tivo a súa orixe na primitiva librería da Universidade creada na metade do século XVI e situada no Colexio fundado polo arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca III. A súa colección histórica foi resultado da adquisición de fondos e de sucesivas doazóns. No ano 1571 mercóuselle ao cabido da catedral da cidade a biblioteca do bispo Carmona e, con posterioridade, chegaron sucesivas doazóns de destacados benefactores como Filipe de Castro ou Manuel Ventura Figueroa, xunto ás compras das bibliotecas particulares de Fernando de Paula Cousiño, que contiña cartas e papeis eruditos do Padre Sarmiento, ou Xacobe de Parga e Puga. Tamén son valiosas as contribucións bibliográficas recibidas por mor da expulsión dos xesuítas no s XVIII e da desamortización do s XIX, que significou a incorporación das librerías dos mosteiros de Galicia, das que sen dúbida a máis importante é a do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, de onde procede o Libro das Horas de Fernando I, así como dos de Conxo e San Domingos. No s XX a biblioteca beneficiouse extraordinariamente con novas contribucións: a Biblioteca Lago que pertencera ao arcebispo Manuel Lago González, polígrafo que deixou libros de temas relixiosos e un bo número de artigos en xornais da época, ademais de moitos outros libros de variada temática (41 incunables, edicións das Cantigas de Santa María, estudios sobre Prisciliano, etc). Hoxe en día dedícase a sala de Investigadores, e nela consúltanse os préstamos interbibliotecarios e os libros anteriores ao s XX. A Biblioteca América foi inaugurada en 1926 por iniciativa de Gumersindo Busto, e conta con obras americanas pertencentes a diversas materias e unha selección de mapas gravados en cobre. A Biblioteca da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela, garda nos seus fondos libros, folletos e unha serie de recortes de xornais de temática variada, os chamados Papeis Espiño, que constitúen unha valiosa fonte de información sobre a industria, economía e historia de Galicia; e, por último, as coleccións de Paulino Pedret Casado e de Pedro Pena Pérez. A Biblioteca Xeral é depositaria do fondo antigo da Biblioteca Universitaria, da sección Galicia e dunha ampla colección de obras de referencia e bibliografía interdisciplinar. A Biblioteca Universitaria defínese como unha unidade funcional de apoio á docencia e á investigación. Está constituída por todos os fondos bibliográficos, documentais e audiovisuais adquiridos polos diferentes centros e servicios -calquera que fose o concepto orzamentario co que se adquiriron-, polos de troco e polos mercados en favor da Universidade por outros organismos, aínda que se garden en sitios distintos e en diferentes edificios universitarios. En 1990 produciuse a automatización da Biblioteca co sistema Sabini. Dende 1990, trala segregación das universidades da Coruña e Vigo, a Biblioteca Universitaria estruturouse nunha biblioteca xeral, once bibliotecas de facultade ou escolas universitarias, e catro bibliotecas intercentros repartidas nos campus de Santiago de Compostela e Lugo.