Bielefeld

Bielefeld

Cidade do land de Renania do Norte-Westfalia, Alemaña, situada nas estribacións da selva de Teutoburg (323.223 h [1998]). Dominada pola Sparrenburg (residencia dos condes de Ravensberg), é un centro tradicional da industria téxtil do liño, que coa posterior introdución dos tecidos de algodón e seda acadou un maior grao de desenvolvemento. A diversificación industrial estendeuse aos sectores papeleiro e de embalaxes. Tamén, dende 1966, é sede dun centro de ensino superior, a Ostwetfalen Universität (Universidade da Westfalia Oriental). Fundada no 1214, a finais do s XIII entrou a formar parte da Liga Hanseática. En 1346 pasou ao dominio dos duques de Jüllich e no 1647 ao elector de Brandenburgo. Durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945) sufriu con intensidade os bombardeos da aviación aliada, especialmente británica e norteamericana.