Bioko
Illa de Guinea Ecuatorial. Está dividida entre as provincias de Bioko Norte e Bioko Sur. No seu litoral sitúase a capital do país, Malabo. De orixe volcánica, é a prolongación do monte Camerún. A súa máxima altitude son os 3.008 m do Pico de Santa Isabel. O seu clima é ecuatorial. Os bubis constitúen a poboación aborixe. Fernando Pó chegou á illa sobre o ano 1470, e integrouna nas posesións portuguesas do golfo de Guinea. No 1778 foi incorporada á Coroa española polo Tratado de El Pardo, ata que en 1827 foi ocupada polos británicos. No 1858 volveu ao dominio español e, dende 1904, formou parte dos territorios da Guinea Española. No 1968 integrouse dentro da nova república independente de Guinea Ecuatorial. Coñecida ata o 1973 como Fernando Pó, do 1973 ao 1979 tamén recibiu o nome de Macías Nguema.