biomasa
(
Masa total da materia viva existente nunha comunidade ou nun ecosistema. En xeral, o máximo de biomasa atópase nos ecosistemas máis estruturados, correspondentes a condicións ecolóxicas moi estables, como as selvas tropicais ou os arrecifes coralinos nos mares cálidos. A biomasa pode ser convertida en enerxía, con consideración de renovable, segundo dous tipos de técnicas principais de aproveitamento: as bioquímicas e as termoquímicas. Entre as primeiras cómpre mencionar a fermentación anaerobia (dixestión), coa que se obtén biogás e fertilizantes, e a fermentación alcohólica, que permite a produción de etanol por hidrólise enzimática de sacarosa, celulosa, amidón e outros glícidos. Entre as segundas, a combustión, a pirólise, a gasificación e a hidroxenación.