Birmingham

Birmingham

Capital do condado metropolitano de West Middlands, en Inglaterra, Reino Unido (1.024.118 h [1991]). É o centro da aglomeración urbana do Black Country, convertida en núcleo manufactureiro do ferro grazas ao carbón das proximidades. O esgotamento das minas marcou o decrecemento da súa importancia industrial. Na actualidade é aínda un gran centro metalúrxico, con fábricas de motores, maquinaria e automóbiles. Ademais constitúe un importante centro de ensino superior, grazas ás dúas universidades que acolle, a University of Birmingham, fundada en 1900, e a University of Aston in Birmingham, fundada como escola técnica en 1895 e convertida en universidade en 1966. Birmingham tamén é un nó ferroviario e posúe un aeroporto internacional. Nacida nunha encrucillada de camiños, a primeira mención histórica aparece no Domesday book, datado no s XI. Xogou un papel importante durante a Guerra Civil (s XVII), ao aliarse cos parlamentarios. En 1643 foi ocupada e destruída parcialmente polas tropas reais. Durante o s XVIII experimentou un gran desenvolvemento económico, destacando o establecemento da banca Taylors e Lloyds (posteriormente chamada Lloyds). A partir de 1830 Birmingham converteuse nun dos núcleos do movemento cartista. Baixo a administración de Joseph Chamberlain, mayor (alcalde) de 1873 a 1876, transformouse nunha cidade moderna. Os bombardeos que sufriu durante a Segunda Guerra Mundial causáronlle graves perdas e provocaron a necesidade da reconstrución de amplos sectores da cidade, proceso que se levou a cabo aplicando solucións innovadoras no deseño urbanístico e creando novas áreas residenciais. Entre as súas edificacións destacan as catedrais de Saint Philip (1715) e Saint Chad (1841) e a Casa do Concello (1834), de estilo neoclásico.