Bisbarra

Bisbarra

Publicación aparecida no ano 1984 que, como indicaba o seu subtítulo, se trataba dunha “Revista cultural dos concellos de Amoeiro, A Peroxa, Cea, Coles, Piñor e Vilamarín”. Os dous primeiros números saíron no mesmo ano, os seguintes en 1985 e o último tres anos máis tarde. Editada en galego, a súa difusión acadou os dous mil exemplares. Definida como aberta e independente, era unha revista localista, reivindicativa, popular e nacionalista. A temática xiraba ao redor da economía, o campo, o folclore, a cultura popular e a artesanía, ademais do humor. Estaba dirixida por un consello de redacción integrado por oito persoas. Na sección titulada “Os nosos poetas” apareceron versos de Ramón Caride Ogando, Víctor F. Viñal, Xavier González Sotelo, todos da bisbarra, e prosas de J. Caride e J.R. Rodrigues Fernandes. Dedicaron tamén unhas páxinas a Celso Emilio Ferreiro, Manuel María e Ánxel Sevillano, oriúndo de Cea.