Bitola
Cidade da República de Macedonia, situada no S do país, preto da fronteira con Grecia e Albania (75.386 h [1994]). É un núcleo comercial. Ten sona pola elaboración de alfombras artesás tradicionais e tamén pola súa industria do moble. Outras das súas actividades industriais son a fabricación de material eléctrico e a refinería de azucre. É tamén unha encrucillada de estradas e de ferrocarril. Durante a dominación romana tivo importancia pola súa situación na vía de Dyrrachium, a actual Durrës (Albania). Posteriormente, pasou a mans de macedonios, búlgaros, serbios e gregos. Conquistada polos turcos en 1382, permaneceu baixo a seu dominio ata 1912, cando foi ocupada polos serbios. A cidade integrouse en Iugoslavia ao acabar a Primeira Guerra Mundial e, desde 1992, forma parte do novo estado de Macedonia.