Bizantino, Imperio ou Imperio Romano de Oriente
Parte oriental do Imperio romano que sobreviviu á caída do Imperio de Occidente. Recibiu este nome en lembranza do antigo nome da capital, Bizancio. Foi chamado tamén Romania polos pobos cristiáns e Imperio dos Romanos polos gregos. A súa orixe está na cidade de Bizancio no 330 en Constantinopla. Constituíuse na parte oriental do Imperio Romano no 395 trala división do Imperio de Teodosio, que se converteu e mantívose trala caída do Imperio occidental cando no 476 Odoacro, Emperador de Occidente, enviou as insignias imperiais a Zenón, asumindo este a dignidade imperial romana. No 1453 Constantinopla foi conquistada polos turcos pero mantívose o Imperio de Trebisonda ata 1461. O Imperio estendíase polos actuais países que forman a Península Balcánica, Turquía occidental, Siria, Xordania, Israel, Líbano, Chipre, norte de Exipto e zona oriental de Libia. A capital do Imperio estaba situada no eixe de diversas vías comerciais: das vías marítimas procedentes do Ponto Euxino, dos Dardanelos, do Mediterráneo e das terrestres procedentes de Asia Menor, Siria e Europa. Estas rutas comerciais e outras que partían da propia cidade proporcionaron ao Imperio a expansión militar, comercial e relixiosa así como a unidade cultural do Helenismo.
Formación e primeira época do Imperio
As bases culturais do Imperio de Oriente foron o dereito e a administración romanos, a lingua e a civilización gregas e as crenzas cristiás. Os primeiros anos do Imperio supuxeron unha continuidade da situación tardorromana na que as ideas de universalidade se mantiveron. A súa situación estratéxica e marítima permitiron a Bizancio resistir as invasións xermánicas. O Emperador León I (457-474) puxo fin á influencia xermánica na Corte coa axuda dos isaurios en Asia Menor. Xustiniano I (527-565) tras finalizar a guerra cos persas, dedicouse a reconquistar o Mediterráneo occidental: Italia das mans dos ostrogodos (553), o norte de África das dos vándalos (535) e o sur de Hispania dos visigodos (554) onde estableceu unha colonia, Mauritania II, con capital en Cartagena. A magnitude destas campañas xunto ao esplendor da Corte de Xustiniano e Teodora, levaron a un endebedamento do estado. No 532 quedou afianzada a posición autocrática do Emperador despois de reprimir o levantamento popular de Nika, abriuse así a etapa absolutista. Entre o 528 e o 535 levouse a cabo a codificación do dereito romano, Corpus iuris civilis, baixo a dirección de Triboniano. O corpus consta de catro textos: Institutiones ou tratado escolar; Digesto ou Pandectas, obras xurídicas clásicas; Codex Justinianus, compilación das constitucións imperiais; e Novelas, constitucións promulgadas por Xustiniano dende o 534. Baixo o reinado de Xustino II (565-578), o Imperio perdeu gran parte de Italia ante os lombardos. Mauricio (582-602) a causa da presión e das incursións nos Balcáns de ávaros e eslavos, creou dous gobernos provinciais ou exarcados con capital en Ravenna e Cartago. No 591 conquistou Armenia. No 602 chegou ao poder o tirano Focas (602-610), a situación interior agravouse ao mesmo tempo que se iniciaba a invasión dos persas sasánidas (602-630). Unha vez derrocado Focas, o Emperador Heraclio (610-641) tratou de recobrar os territorios perdidos. Venceu os persas (628) pero non puido impedir a presenza dos árabes dende o 632. Heraclio adoptou o título grego de Basileus aínda que non suprimiu o romano de Imperator. É o momento da conversión do grego en idioma oficial e da división de Asia Menor en themas, distritos militares, baixo a autoridade dos stratigos, xefes militares con poder civil. Ademais os stratiotas, soldados, establecíanse como colonos, polo que se creou unha milicia campesiña permanente xa que o lote de terra se transmitía en herdanza. Se o Imperio continuou florecente debeuse ao valor da súa moeda de ouro, moi apreciada polos comerciantes, e ao establecemento dunha economía dirixida polo Estado. Este reservábase o comercio e a fabricación de determinados artigos e controlaba o traballo dos seus súbditos mediante un corpo de funcionarios creados ao efecto cunha regulamentación estrita.
Dinastías isáurica e amoriana (717-867)
A dinastía dos heráclidas finalizou con Xustiniano II (685-694), deposto pola aristocracia. Iniciouse un período de revoltas (695-716) no que se sucederon seis emperadores entre os que regresou o propio Xustiniano II (705-711). O avance árabe -dominaban as rutas caravaneiras de Oriente Próximo e o comercio das especias-, foi detido por un xeneral do exército de Anatolia que se converteu no Emperador León III o Isaurio (717-741), iniciando a dinastía isáurica (717-802). No interior do Imperio desencadeouse a guerra das imaxes, motivada pola influencia dos iconoclastas orientais, do Xudaísmo e do Islam. León III prohibiu as imaxes nas igrexas agás as de Cristo, a pesar da oposición dos iconódulos que estaban apoiados polo Papa Gregorio III. Foi o primeiro paso para o futuro cisma entre as igrexas oriental e occidental. A presenza dos árabes en distintos frontes debilitou o Imperio. No 751 perdeuse Ravenna, feito que supuxo o derrubamento e fin da presenza bizantina en Italia. No ano 800 Carlomagno foi coroado Emperador no seu intento de restaurar o Imperio romano de Occidente, dende este momento, Bizancio abandonou Occidente. Despois dun novo período de revoltas (802-820), no que o Emperador Miguel I (811-813), concedeu a Carlomagno o título de Basileus, chegou ao poder a dinastía amoriana ou frixia (820-867). No 843 finalizou a guerra de imaxes cando o Concilio de Nicea restableceu o seu culto. Con Miguel III (842-867) iniciouse un novo período de prosperidade: evanxelización dos pobos eslavos, política ofensiva en Asia. Non obstante , o problema relixioso rexurdiu e, baixo o patriarca Focio, a igrexa bizantina abandonou a obediencia de Roma (858) aínda que se restableceron as relacións e a ortodoxia pouco despois.
A dinastía macedónica: o apoxeo do Imperio (867-1057)
Basilio I (867-886) iniciou unha nova dinastía e abriu unha época de apoxeo. O poder absoluto do Emperador acadou o seu cume ao afirmar que era elixido por Deus. A lexitimidade dos nacidos purpurados, os profiroxenetas, foi afirmada polo principio de sucesión. A nivel territorial restableceuse o dominio sobre Italia coa toma de Benevento (873) e Bari (876). Polo oeste os árabes retrocederon e así o Imperio reconquistou Mesopotamia, Armenia, Cilicia e Siria. O momento de maior auxe correspondeu ao goberno de Basilio II (976-1025): a igrexa de Rusia quedou subordinada ao patriarca de Constantinopla; os búlgaros foron incorporados ao Imperio no 1014; venceu os árabes e, a pesar da revolta dos terratenentes de Asia Menor, dominou a aristocracia. Cos seus sucesores a prosperidade continuou. En 1057 tivo lugar o cisma entre a igrexa de Oriente e a de Roma e a súa definitiva separación. Nese mesmo ano o golpe de Isaac Comneno puxo fin á dinastía e iniciou o período de decadencia do Imperio.
A decadencia imperial: 1057-1204
Isaac I Comneno (1057-1059) foi destronado por Constantino X (1059-1067), tesoureiro do Imperio e fundador da dinastía dos Ducas (1059-1078). Un novo período de decadencia arrasou o Imperio. As penetracións dos seléucidas continuaron e en 1071, trala batalla de Manzicerta, ocuparon Anatolia, Bitinia e Isauria. Tralo destronamento de Miguel VII (1071-1078), accedeu de novo ao poder a dinastía dos Comneno (1081-1185) con Alexo I (1081-1118), representante da nobreza e do exército. A pesar da separación da Igrexa, o Emperador acudiu ao Papa en busca de axuda contra os turcos. Occidente enviou a primeira cruzada (1096-1099) que permitiu ao Imperio recuperar territorios nos Balcáns e en Asia menor. Manuel I (1143-1180) iniciou un novo acercamento a Occidente que fracasou. A debilidade mostrada polos Comnenos levou á sublevación da aristocracia contra o Emperador e o acceso ao trono dunha nova dinastía, os Ánxel (1185-1204). Non obstante a situación non mellorou, os enfrontamentos internos agudizáronse e os serbios aproveitaron a situación para formar un segundo Imperio Búlgaro (1187). Os venecianos, que acadaran dos bizantinos o dereito a comercializar con todo o Imperio no 1082, ante a ameaza das súas actividades comerciais, decidiron apoderarse do Imperio. Os xefes da cuarta cruzada (1202-1204) en lugar de dirixirse a Exipto, asaltaron e tomaron Constantinopla en abril de 1204 e iniciaron a presenza latina no Imperio.
Fragmentación do Imperio: Imperio Latino de Constantinopla (1204-1261)
Trala toma de Constantinopla, o Imperio quedou fragmentado en catro estados: Imperio Latino de Oriente, Imperio Bizantino de Nicea, Imperio Bizantino de Trebisonda e Despotado Bizantino de Epiro. O Imperio Latino quedou reducido a Constantinopla e ás rexións veciñas de Tracia e Asia Menor, os venecianos ademais dunha parte da capital, atribuíronse algunhas illas do Exeo e prazas na Grecia continental. O primeiro Emperador, Balduíno I (1204-1205) proclamou a unión das igrexas grega e romana. Os outros estados formados trala conquista latina continuaron coas tradicións gregas e coa expansión das súas conquistas: o Imperio de Trebisonda chegou ata Armenia, e o Despotado de Epiro e o Imperio de Nicea enfrontáronse pola conquista de Tesalónica (1224). A reconquista de Constantinopla realizouna Miguel VIII Paleólogo (1258-1282), o 25 de xullo de 1261, restaurando a autoridade bizantina baixo a nova dinastía dos Paleólogos.
O final do Imperio Bizantino (1261-1443)
Trala expulsión dos latinos, o Imperio entrou nunha época de debilitación: a aristocracia monopolizou o poder; o exército tivo que recorrer a mercenarios para poder manterse; economicamente o Imperio dependía de Venecia e Xénova; os cataláns apoderáronse do ducado de Atenas; e os turcos continuaron avanzando na súa expansión. Ante esta ameaza os emperadores trataron de acercarse a Occidente e en 1274 no Concilio de Lyon baixo a autoridade de Gregorio X, uníronse de novo as igrexas pero o novo Papa Martiño IV rompeu a unión e a Igrexa Grega continuou separada de Roma. A principios do s XIV os turcos otomanos conquistaron as últimas posesións bizantinas en Asia Menor e ocuparon os Balcáns en 1354. Tras un primeiro intento de tomar Constantinopla en 1422, o Emperador Xoán VIII (1425-1448) no intento de atopar axuda en Occidente promoveu de novo a unión das igrexas no Concilio de Florencia (1439), mais a igrexa grega rexeitou a unión. En 1430 os otomanos tomaron Salónica e aínda que o Papa enviou unha cruzada, esta foi derrotada en 1444. Baixo o Emperador Constantino XI (1449-1453) e despois dun asedio de 50 días, Constantinopla caeu en mans dos turcos o 29 de maio de 1453. Trebisonda caeu en 1461.
A administración imperial
O Emperador, figura central do goberno, era elixido pola providencia, de xeito que se non facía o correcto, era lexítimo derrocalo e usurpar o trono. Non obstante , o Emperador podía asociar ao trono a quen quixese e facelo hereditario. O seu poder era absoluto. Nun primeiro momento tomou o nome latino de Imperator para despois utilizar o grego de Basileus. Ademais do poder político tiña tamén autoridade sobre a Igrexa e era o responsable de manter a unidade doutrinal. Emitía leis e era o derradeiro intérprete do Dereito Civil. A dirección do goberno entregábaa a un grupo de funcionarios palatinos. O centro do goberno era o palacio real, residencia imperial e centro da administración.
O legado bizantino
A maior achega dos bizantinos foi a transmisión dos textos gregos e a creación dun novo alfabeto, o cirílico, adoptado polos pobos eslavos. Moitos aspectos da cultura grega como a Literatura, a Filosofía, as Matemáticas ou a Astronomía non se perderon e foron transmitidas polos sabios bizantinos instalados en Italia trala caída de Constantinopla. Por outra banda, os pobos eslavos e gregos mantiveron as tradicións bizantinas e ortodoxas.