Bizerta ou Banzart

Bizerta ou Banzart

Capital da wilāya de Bizerta, Tunisia, na costa mediterránea, á entrada do canal que comunica o Mediterráneo co lago de Bizerta (94.509 h [1984]). É un importante porto pesqueiro e comercial, o que favoreceu a localización nel de numerosas industrias que se estableceron alí, entre elas, destacan as de fabricación de cementos e pneumáticos, e a refinería de petróleo. O primitivo emprazamento da cidade foi a colonia de Hippo Diarrhytus, fundada polos fenicios no s IX a C. Logo pasou a mans dos romanos (s II a C), dos vándalos (s V) e dos árabes (s VII). Desde 1535 ata 1572 púxose baixo o protectorado de Carlos V e de Filipe II. Foi ocupada polos franceses en 1881. Trala independencia de Tunisia (1956), Bizerta quedou ocupada polas tropas francesas ata 1963, ano no que foi devolta a Tunisia.