Bizkaia

Bizkaia

Territorio histórico de Euskal Herria que constitúe unha provincia española incluída na Comunidade Autónoma de Euskadi (2.217 km2; 1.140.026 h [1996]). Integrada por un total de 111 municipios (1996), a súa capital é Bilbao. Abrangue ademais do sector NO do País Vasco, na costa do Cantábrico, o enclave de Orduña, situado entre Araba e Castela. Pola súa parte, o val de Trucios, no extremo occidental do territorio, pertence a Cantabria.
Xeografía física
O seu relevo é montañoso, formado por dobramentos simples e regulares de estilo xurásico, con orientación NO-SL ou ONO-LSL, propia de toda a rexión vasca. O eixe que articula o territorio biscaíño é o anticlinal de Bilbao, que se estende desde Elorrio ata Galdames. As principais unidades do relevo son dúas cadeas montañosas separadas pola cunca do Ibaizábal: unha primeira integrada polas serras do N (Arno, Kalamua, Oitz, etc), e unha segunda coas do S (serras de Anbato, Alluitz, Urkiola, Mugana, Gorbea), que forman o límite SL de Bizkaia, sinalan o corredor prelitoral e constitúen a divisoria de augas da vertente Cantábrica. Os ríos son curtos e de forte pendente e están aproveitados hidroelectricamente. As dúas cuncas principais, a do Ibaizábal e a do Nerbión, únense na súa desembocadura dando lugar á ría de Bilbao, cunha extensión de 15 km desde a capital á boca da ría. O litoral de Bizkaia, que se estende ao longo de 80 km é agreste, con acantilados, cabos (Machichaco), rías pequenas (Ea) ou grandes (Gernika, Plentzia, Bilbao) e pequenos illotes. O clima é oceánico, con influencia mediterránea, morno e húmido, con chuvias abundantes e pequenas oscilacións térmicas anuais. A superficie forestal é considerable (145,40 Ha) dedicada na maior parte a piñeiros, con masas importantes de carballos e faias. A poboación caracterízase por unha densidade alta (514 h/km2 [1996]), agás na comarca de Las Encartaciones, e polo espallamento da poboación rural en casaríos e pequenas aldeas. A depresión prelitoral está densamente poboada, con moitas vilas industriais, e intensamente cultivada para abastecer a área urbana bilbaína. A gran concentración urbana e industrial localízase no último tramo do Nerbión e na ría de Bilbao, mentres que as áreas rurais do interior sofren un progresivo despoboamento. A agricultura xira arredor dos baserriak (casaríos, que combinan a función residencial co seu carácter de explotación agraria, sempre nun ámbito familiar extenso), onde existe un cooperativismo agrícola moi desenvolvido: o gando bovino (orientado indistintamente cara á produción de carne e leite) converteuse na base económica destas explotacións. Existe tamén gando ovino, porcino e avicultura para o aproveitamento de carne e ovos. A existencia de importantes xacementos de ferro en Somorrostro, explotados no s XIX por compañías de capital e tecnoloxía inglesas, serviu de base para o desenvolvemento da grande industria siderúrxica e do porto de Bilbao. Esta industria, aínda que segue sendo moi importante, veu padecendo desde a década dos setenta numerosas crises que obrigaron a aplicar plans de reconversión. A máxima concentración de metalurxia pesada rexístrase entre Basauri e a desembocadura da ría de Bilbao. A industria naval, concentrada entre Bilbao e Sestao, é tamén unha actividade importante. Desenvolveuse a industria química en Bilbao, Galdakao e Lutxana. Outras industrias importantes son as do papel (Arrigorriaga), artes gráficas, conservas (Bermeo), vidro, materiais de construción e material eléctrico. Bilbao é centro industrial e comercial. Polo porto de Bilbao expórtase ferro cara a Inglaterra, Alemaña e Holanda. Outros portos destacados son Ondarroa, Bermeo, Lekeitio, Elantxobe e Plentzia.
Historia
O señorío de Bizkaia estivo formado nun primeiro momento pola Tierra Llana ou Infanzonado, posteriormente naceron no s XIII as Villas e engadíronse a meiriñidade de Durango, separada no s XII pero que retornou ao señorío de Bizkaia a principios do s XIII, Las Encartaciones (segunda metade do s XIII) e en 1784 o val de Orozco. O señorío, vinculado á familia dos Haro, xurdiu da fragmentación do condado de Araba. O seu primeiro señor, documentado en 1040, foi Eneko I, que dominaba a rexión comprendida entre a costa e a liña divisoria con Araba, o Deba ao leste e o Nerbión ao oeste. Á morte de Sancho IV de Navarra (1076), Afonso VI incorporou Bizkaia á coroa de Castela, e Eneko I recoñeceu a soberanía castelá. O seu neto Diego I poboou Haro e adoptou este nome como liñaxe. En 1218 incorporou, pero non definitivamente, os señoríos de Urduña e Balmaseda. As tensións coa coroa de Castela levaron aos señores de Bizkaia a unha vasalaxe temporal respecto á coroa catalano-aragonesa (1245-1256). En 1288 Sancho IV apoderouse do señorío de Bizkaia e concedeuno ao infante Enrique, pero á morte do Rei (1295) foi recuperado polos Haro. Un longo preito familiar produciu a separación de Urduña e Balmaseda do señorío (1310). Durante a guerra civil castelá, que acentuou as loitas nobiliarias entre oñacinos e gamboínos, Pedro I intentou entregar Bizkaia ao Príncipe Negro, Eduardo (1366), pero a reacción dos biscaíños impediuno. En 1379, ao converterse en Rei de Castela Xoán I, señor de Bizkaia por sucesión da súa nai Xoana Manuela, o señorío quedou unido ao reino castelán e foi creado o cargo de correxidor. O dereito biscaíño, consuetudinario e en parte influído polo foro de Logroño, foi complementado baixo esta nova situación político-xurídica coas ordenanzas de Germendat (1394), e despois coa sistematización dos seus costumes, escritos por primeira vez en 1452 e reformados en 1526. O mecanismo foral foi rexido entón por dous órganos de poder: as xuntas xerais ou asembleas de deputados, de carácter señorial, e o correxidor ou representante real, regulados polo permiso foral (1452) para impedir medidas contrarias aos foros. No s XVII o mecanismo foral estaba centralizado polo Rexemento ou Deputación de Bizkaia. Os primeiros intentos de autoritarismo real produciron fortes tensións entre o poder real e o foral. A crise de finais da Idade Media tivo tamén a súa manifestación en Bizkaia, para evitar as consecuencias dos descensos das rendas, os señores aumentaron as cargas señoriais e o proceso de señorialización; a igrexa tamén viu reducido os seus dezmos. A recuperación económica iniciouse no s XV. O desenvolvemento económico centrouse na minería, siderurxia e construción naval, sectores que xunto co comercio gozaron dunha prosperidade ao longo do s XVI co aumento da poboación e pola colonización de América. Bizkaia, xa desde finais da Idade Media, desenvolveu unha importante actividade pesqueira e comercial que converteu Bilbao nun perigoso rival de Santander. A súa vitalidade económica aumentou dende o s XVI ao s XVIII (pesqueiras de Terranova). A crise económica do s XVII provocou un malestar social que desencade ou a rebelión do sal (1631-1634) motivada polo incremento dos tributos e que provocou a substitución da vella aristocracia por ricos comerciantes, indianos e burócratas. Non obstante , esta crise non foi tan aguda como noutras zonas xa que tiveron lugar avances no eido da agricultura coa introdución do millo e melloras técnicas na industria. Así, durante o s XVIII, Bizkaia aumentou a súa poboación e consolidou o establecemento dunha burguesía agraria e comercial de talante liberal. O desexo das vilas, sobre todo de Bilbao, de trasladar as aduanas á costa provocou fortes tensións entre as terras señoriais e as vilas, acentuadas pola indignación popular rural, a machinada, alimentada polos señores (1718) pero en 1722 regresaron á súa primitiva localización. As tensións entre Bilbao e a Junta General de Guernica, expresión señorial máis xenuína de Bizkaia, na que non participaban nin as Villas, nin Las Encartaciones, nin Durango (que tiñan xuntas propias), converteuse nunha situación grave cando Simon Barnard de Zamacola, considerando antiforal o monopolio marítimo de Bilbao, propuxo a creación dun porto en Abanto (1801), hoxe barrio bilbaíno, exento da xurisdición de Bilbao; esta proposta provocou o motín das vilas contra Zamacola (a zamacolada, 1804). Isto comportou importantes modificacións no réxime orgánico foral, xa que Godoy aproveitou as tensións internas para decretar que o poder político real do señorío fose substituído por unha autoridade militar. Os réximes constitucionais xurdidos a partir de 1812 en España aceleraron o proceso de desaparición do réxime foral de Bizkaia que debe ser considerado dentro da problemática xeral do País Vasco. En 1841 foron suprimidas as aduanas interiores e así a siderurxia anulou a competencia británica. Tras apoiar aos carlistas (1872-1876), Bizkaia perdeu as xuntas do seu señorío. Durante o franquismo perdéronse os concertos económicos e o sistema administrativo, a Deputación Foral de Bizkaia non foi restaurada ata 1979.