Blasco Ibáñez, Vicente
Escritor e político. Licenciado en Dereito pola Universitat de València (1888). Mantivo unha grande actividade como orador e xornalista, fundando en 1894 o xornal El Pueblo no que comezou a publicar Arroz y tartana. A súa vinculación á Renaixença foi breve e basicamente decidida pola influencia de Constantí Llombart; despois da morte deste (1893), converteuse en inimigo do grupo valencianista de Teodor Llorente. En 1887 publicou Fantasías, leyendas y tradiciones, que respondía a unha estética romántica e a unha temática historicista. Dende moi novo comprometeuse coa política republicana de Pi i Margall; foi deputado a Cortes tres veces consecutivas e a súa acción política alcanzou unha forte repercusión popular, sendo o blasquismo o sector máis dinámico do republicanismo valenciano. Enfrontouse politicamente coa disidencia do seu colaborador Rodrigo Soriano, que provocou incidentes de extrema violencia; finalmente, en 1908 abandonou a política. En 1892 publicou La araña negra e Viva la República!, inseridas dentro dunha liña de axitación democrática e anticlerical. Durante un curto exilio en París, 1890, contactou coa narrativa francesa naturalista, reflectíndose nos contos Cuentos valencianos (1896) e La condenada (1900), e nas novelas Arroz y tartana (1894), Flor de mayo (1896), La barraca (1898), Entre naranjos (1900) e Cañas y barro (1902). En 1903 comezou a escribir novelas cun estilo diferente, La catedral (1903), El intruso (1904), La bodega (1905) e La horda (1905), todas elas de crítica social, ambientadas en diferentes puntos da Península Ibérica onde a problemática socio-económica adquiriu unha gran violencia (clericalismo, latifundismo andaluz, etc). Posteriormente, publicou Los muertos mandan (1908), Sangre y arena (1908) e Luna Benamor (1909), entre outras. En 1910 emprendeu unha tentativa de colonización na Arxentina, con emigrantes valencianos, da que desistiu en 1913. En 1914 marchou a París e traballou pola causa aliada, escribindo a novela Los cuatro jinetes del Apocalipsis (1916), claramente a favor dos aliados, obra que lle abriu as portas do mercado americano, tanto editorial como cinematográfico. Na ditadura de Primo de Rivera exiliouse en Francia (1923), escribindo opúsculos agresivos contra Afonso XIII e o ditador; ao mesmo tempo volveu á novela histórica, pero con intencións patrióticas (A los pies de Venus, 1926, e En busca del Gran Khan, 1928). Publicou tamén varios libros de viaxes: En el país del arte (1896), Oriente (1910), La Argentina y sus grandezas (1910) e La vuelta al mundo de un novelista (1925). En València fundou e dirixiu as editoriais Prometeo e Sempere, a través das que exerceu un importante labor de divulgación cultural. Doutor honoris causa pola Universidade de Whashington (1920) e Cabaleiro da Lexión de Honor, concedido polo goberno francés (1906).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : València -
Deceso
Lugar : Menton, Provenza