Bloch, Ernst
Filósofo alemán. Foi director da Deutsche Zeitschrift für Philosophie e profesor en Berlín, Heildeberg e Grünwald. En tempos do nazismo estivo exiliado en Suíza (1933) e despois nos EE UU (1938-1949). Trala guerra instalouse na República Democrática Alemana e foi profesor en Leipzig ata 1958. Criticado polos marxistas oficiais, en 1961 pasou finalmente a Tübingen (República Federal Alemana), onde exerceu como profesor visitante da universidade. Fixo unha reconsideración do marxismo, modificado polo idealismo alemán hegeliano e tendencias místicas do xudaísmo e do cristianismo. O seu pensamento a partir do concepto da utopía, culmina no ideal de esperanza que pretendía fundamentar unha filosofía como outros grandes sistemas alemáns, os de Hegel ou os de Schopenhauer. A idea nuclear no seu sistema é un principio segundo o que a realidade non consiste en ser aínda o que se espera que chegue a ser. No seu pensamento, a historia concíbese como un esperar o que é, ao mesmo tempo, inesperado e esperable. Nunha análise histórica, sistematizada en Das Prinzip Hoffnung (O principio da esperanza, 1954-1959), describiu as imaxes utópicas que as diversas culturas forxaron a partir de infraestruturas do momento e descubriu a esperanza como principio fundamental que dirixe toda a historia individual e social, activando a súa tendencia dialéctica. Cómpre subliñar ademais as súas obras Geist der Utopie (Espírito da Utopía, 1918), Thomas Münzer als Theologe der Revolution (Thomas Münzer como teólogo da revolución, 1921), Tübinger Einleitung in die Philosophie (Introdución á Filosofía, 1963-1964), Atheismus in Christentum (Ateísmo no cristianismo, 1968), Das Materialismus problem (O problema do materialismo, 1972), Experimentum Mundi (Experimento do mundo, 1975) e Tendez-Latenz-Utopie (Utopía da tendencia-latencia, 1978).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Ludwigshafen am Rhein -
Deceso
Lugar : Tübingen