Blois, tratados de
Serie de catro tratados asinados en Blois entre o 1504 e o 1512 nos que se adoptaron un conxunto de acordos diplomáticos tendentes e establecer un statu quo político en Italia e que afectaron a España. Polo primeiro tratado de Blois (22.9.1504), que non tivo efecto, Luís XII de Francia, o arquiduque Maximiliano de Austria e o seu fillo Filipe o Fermoso acordaban o matrimonio do futuro Emperador Carlos V con Claudia, filla de Luís XII, e comprometíanse a non negociar por separado o pacto sobre Nápoles con Fernando o Católico. Maximiliano cedía a Francia o Ducado de Milán. Afirmábase que o Reino de Nápoles, en poder de Fernando o Católico, heredaríano Carlos e Claudia. Polo segundo tratado de Blois (12.10.1505), Luís XII de Francia e Fernando o Católico acordaban o matrimonio de Fernando II con Xermana de Foix, sobriña de Luís XII. O Rei de Francia cedía á futura muller e aos fillos deste matrimonio o Reino de Xerusalén e os seus dereitos sobre o Reino de Nápoles, mais se non tiñan descendencia masculina os dereitos volverían á coroa francesa. Fernando o Católico comprometíase a donar, en concepto de indemnización polos gastos de guerra dos franceses en Nápoles, 500.000 ducados, e a restituír os bens confiscados aos baróns napolitanos do partido anxevino. Fernando non cumpriu as estipulacións políticas do tratado, e o Papa Xulio II dispensouno do compromiso de constituír a liga de Cambrai (1508). Polo terceiro tratado de Blois (12.12.1509), Fernando o Católico concedía axuda económica e militar marítima a Maximiliano de Austria para que se puidese levar a termo o acordo estipulado pola liga de Cambrai (1508) contra o territorio veneciano e, a cambio, Maximiliano recoñecía a Fernando como rexente de Castela. Polo cuarto tratado de Blois (1.12.1512), destinado a reforzar a alianza entre Francia e a casa de Austria, acordouse o matrimonio de Renata, filla de Luís XII, co futuro Emperador Carlos V.