Boccaccio, Giovanni
Escritor. Iniciouse en Florencia na arte mercantil. No 1327 foi enviado a Nápoles para traballar na sucursal da compañía Bardi, ata o ano 1334. Como consecuencia da creba dos bancos Bardi e Peruzzi, viuse obrigado a instalarse de novo en Florencia, onde acadou fama e autoridade; deste período data a súa amizade con Petrarca. Na súa produción cómpre subliñar dous períodos: o primeiro (ata o ano 1355) comprende as súas obras de creación en italiano; o segundo período (dende o 1355) comeza co menosprezo da obra literaria anterior e incluso co intento de destruíla, e caracterízase pola dedicación á escritura de libros de erudición, xeralmente en latín. Moitas das súas obras foron a preparación lingüística e poética da súa obra máxima: o Decamerón, que tivo unha grande influencia na literatura universal. As primeiras obras foron escritas en Nápoles: La caccia di Diana (A caza de Diana, 1333?), poema mitolóxico en tercetos, o Filocolo (1336), novela de aventuras, na que emprega unha prosa moi latinizada, e o Filostrato (1338), novela de cabalerías en octavas, que parafrasea un episodio do Roman de Troie, concretamente os amores de Troilo e Griselda. A Teseida (1340-1341), poema en octavas, foi comezada en Nápoles e rematada en Florencia, onde escribiu o resto da súa produción; o Ninfale d’Ameto (1341-1342), a Amorosa visione (Amorosa visión, 1342-1343), a Elegia di madonna Fiammetta (Elexía da señora Fiammetta, 1343-1344) e o Ninfale fiesolano (1344-1346?). A derradeira obra de creación, o Corbacho (1354-1355), de grande influencia na literatura posterior, representa a transición á obra erudita. A produción latina restante é abondosa. Ademais de varias epístolas e do Bucolicum carmen (Poema bucólico), cómpre subliñar De genealogiis deorum gentilium (Sobre os parentes xenealóxicos dos deuses, 1350-1360), De casibus virorum illustrium (Sobre asuntos dos homes ilustres, 1354-1364), De claris mulieribus (Sobre mulleres destacadas, 1354-1364) e De montibus, silvis, fontibus, lacubus, fluminibus, stagnis seu paludibus et de nominibus maris (Sobre montes, selvas, fontes, lagos, ríos, estanques ou pantanos e sobre nomes de mares, 1632-1666), dicionario, por materias, de nomes xeográficos da Antigüidade. Foi o primeiro estudoso de Dante.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : París -
Deceso
Lugar : Certaldo, Toscana