Bocelo, Serra do
Bocelo, Serra do
Aliñación montañosa que se estende na vertente occidental da dorsal galega, situada no límite dos concellos de Boimorto, Sobrado dos Monxes, Toques e Melide, no centro da Comunidade Autónoma. Constitúe a divisoria de augas entre as cuncas do Tambre, ao N, e do Ulla, ao S. Erguida sobre ortogneises que afloran nun contexto de xistos (aparecen ao L dos da serie de Ordes), nos que se insiren filóns de anfibolitas, a altitude media da súa liña de cumes, que adopta unha disposición SO-NL, supera os 700 m, acadando os 762 m no Bocelo e os 749 m na Pena da Moura.