Boff, Leonardo
Teólogo franciscano e profesor brasileiro. É o máis sobranceiro dos “teólogos da liberación” latinoamericana. A raíz do seu libro Igreja: carisma e poder (1981), foi sancionado polas autoridades romanas. Na obra tentou unha reformulación do contido dos tratados teolóxicos tradicionais dende a problemática da marxinación e da dependencia dos países máis pobres de Sudamérica. Despois desta obra, os conflitos coa xerarquía católica aumentaron; en 1991 foi destituído do cargo de redactor-xefe da revista Vozes e en 1992, canso e decepcionado, anunciou a súa retirada do sacerdocio e da orde franciscana, sen deixar, non obstante, a Igrexa Católica. Publicou: Jesus Cristo libertador: ensaio de cristologia crítica para o nosso tempo (1966), Paixão de Cristo-Paixão do mundo (1977), Ecologia, mundialização, espiritualidade: a emergência dum novo paradigma (1993) e Ecologia: grito da terra, grito dos pobres (1995), entre outras obras; ademais, participou na obra conxunta Five Hundred Years. Domination or Liberation: Theological Alternatives for the Americas in the 1990’s (Cincocentos anos. Dominación ou liberación: Alternativas teolóxicas para a América na década dos 90, 1992), na que tamén colaboraron outros teólogos da liberación como Philip E. Wheaton, Jon Sobrino ou Giulio Girardi.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Concórdia