Bofill i Leví, Ricardo

Bofill i Leví, Ricardo

Arquitecto. Investigador en arquitectura e en deseño de cidades, formouse na Escola de Arquitectura de Barcelona e, posteriormente, na Universidade de Xenebra. Cun equipo de arquitectos, deseñadores, enxeñeiros, sociólogos e filósofos, creou o Taller d’Arquitectura (Barcelona, 1963), que actualmente conta cun equipo internacional con proxectos construídos en Europa, África, Xapón e EE UU. As súas realizacións e as do seu equipo caracterízanse por unha valoración expresionista dos elementos construtivos e seriais; nos últimos tempos recorre ás linguaxes históricas, especialmente ao Clasicismo. O taller aborda proxectos de deseño urbano, equipamentos culturais, comerciais e deportivos, vivendas e oficinas, arquitectura de interiores e deseño de mobles. Realizou estudios de planificación urbana para Luxemburgo, Bordeos, Boloña, Madrid, Boston, Kobe (Xapón) e Nan Sha (China). No eido das infraestruturas, levou a cabo o novo Aeroporto de Barcelona (1982), o Palacio de Congresos de Madrid (1995) e a estación de Alta Velocidade de Boloña. O taller está especializado na construción de programas residenciais. Dos edificios de oficinas destacan as sedes de Dior, Cartier, Rochas, Decaux, Paribas, Axa e a Compañía de Electricidade de Francia, todas en París; o Donnelley Building, primeira obra do estudo de Chicago; e o Atrium Saldanha en Lisboa. Das obras realizadas en Toquio salientan as galerías comerciais Harajuku United Arrows e o palacio Aoyama. Entre os equipamentos de índole cultural realizados cómpre salientar o Auditorio de Metz (Francia), a Escola de Música de Shepherd (Universidade de Rice, Houston) e o Teatro Nacional de Catalunya (Barcelona). Das súas primeiras obras arquitectónicas destaca El Xanadú (Calp, 1968). Obras posteriores son o Barri Gaudí (Reus, 1969-1970), que constitúe un primeiro intento de revisión do concepto racionalista do bloque de vivendas; o Monument a Catalunya (1977); o novo conxunto do Santuari de Meritxell (Andorra, 1978); e o complexo formado por Walden 7 e La Fàbrica, en Sant Just Desvern. No 1971 comezou o proxecto de Villes Nouvelles encargado polo estado francés. En Galicia realizou obras de síntese entre a infraestrutura portuaria e o equipamento urbano, como a remodelación do porto e paseo marítimo da Coruña (1985), e intervencións no patrimonio construído, como a Praza da Concordia (A Coruña, 1992) e o Parque da Riouxa (Vigo, 1992), que significaron a recuperación de dous espacios urbanos degradados para o uso como espazo de lecer. Publicou: Hacia una formalización de la ciudad en el espacio (1967), Espacio y vida (1990) e La ciudad del arquitecto (1998). Recibiu numerosos premios e condecoracións entre os que sobresaen: o Premio Fritz Schumacher (1968), o Premio American Society of Interior Design (1978), o título de arquitecto da Ordre des Architectes de Belgique (1989), o título de Officer da Ordre des Artes e des Lettres (1984), e membro de honra de l’Ordre National des Architectes (1979), do American Institute of Architects (1985), do Bund Deutscher Architekten (1996) e do Comité de Parrinage. Fondation Sophia Antipolis. Cité Internationale de la Sagesse, des Sciences et des Téchniques (1989); no ano 1993 recibiu a Cruz de Sant Jordi.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Barcelona