Boletín Bibliográfico
Publicación que apareceu na cidade da Coruña o 1 de xaneiro de 1895. Cesou o 24 de decembro de 1896. Dirixida por Uxío Carré Aldao, serviu de boletín propagandístico da súa Librería Gallega e como plataforma divulgativa da literatura galega. Entre os seus colaboradores figuraban W. Insúa, Eduardo Pondal, Lisardo R. Barreiro, Martelo Paumán ou F. Vaamonde Lores. Tiña unha tirada considerable: 3.000 exemplares do número 1 e 5.000 dos seguintes. O boletín incluía información sobre publicacións periódicas, certames literarios e acontecementos biográficos relativos a escritores, ademais dunha relación das obras publicadas en Galicia no mes anterior. Na “Sección bibliográfica” do nº 8 apareceu o reproducidísimo conto A pantasma de Francisco Añón. Outros colaboradores foron Noriega Varela e Álvarez de Nóvoa, quen no número 17, do 22 de maio-outubro de 1896, publicou o relato titulado “A nai” do libro Pé das Burgas.