Boletín Carnavalesco

Boletín Carnavalesco

Publicación humorística, tirada na cidade de Vigo a partir do 20 de novembro de 1884. Foi o órgano informativo e publicitario da Sociedade Carnavalesca de Vigo. De carácter informativo e publicitario, daba conta das actividades que a sociedade organizaba. Os seus artigos caracterizábanse polos seus tons sarcásticos e humorísticos. O primeiro número foi vendido no Teatro Tamberlik durante unha función ofrecida polo cadro de declamación da sociedade. O seguinte número foi repartido tres días máis tarde, o domingo 23, co gallo dunha nova velada teatral. Non se teñen novas da saída de posteriores números e tampouco se conserva ningún exemplar.