Boletín das Ciencias
Publicación que apareceu en maio de 1988 en Carballo, Lugo e Ferrol, baixo a coordinación de F. Fernández. Foi subtitulado como “Asociación dos ensinantes de Ciencias de Galicia”. Na área de montaxe figuraba o nome de P. Abraldes. Tratábase dun boletín profesional no que o sumario estaba composto por seccións como “A formación do profesorado”, “Experiencias didácticas”, “Grupos de traballo”, “Ciencia e Sociedade”, etc. A lingua utilizada era o galego e o consello de redacción estaba composto por Manuel Alonso Mougán, Antón Castelo, Santaballa, Manuel Lamelo Iglesias, Xosé Vázquez Tato e Luís Cachafeiro Chamosa, entre outros. A periodicidade era irregular, cunha media de dous boletíns cada ano, que abanguían as áreas de Matemáticas, Informática, Astronomía, Electricidade, Medio Ambiente, Física, Xeoloxía, etc. No ano 1997 introduciuse un caderniño central titulado “Fondo de publicacións da ENCIGA”, no que se informaba do material dispoñible na asociación: revistas, actas, manuais, etc. Editaban un anuario co gallo da celebración do congreso da ENCIGA; estes números especiais comezaron a publicarse en galego para despois ser editados tamén en castelán.