Boletín de la Real

Boletín de la Real

Publicación aparecida o 20 de maio de 1906 e editada na cidade da Coruña. A partir do 20 de setembro de 1906 (nº 5) titulouse Boletín de la Real Academia Gallega. O seu primeiro director foi Manuel Murguía, e segundo algúns investigadores os primeiros colaboradores foron, case exclusivamente, membros da Real Academia Gallega. Tiña unha estrutura determinada, con seccións organizadas en “Estudios”, “Documentos galegos”, “Bibliografía”, “Sección oficial” e “Publicacións recibidas”. Nos comezos predominaban os discursos e as noticias da “Sección oficial”, pero o boletín foi adquirindo un carácter máis científico. Son de especial interese as numerosas recompilacións de literatura popular (como a serie do cancioneiro de Muros recollida por M. Fabeiro), as transcricións de textos medievais como o Flos sanctorum, estudios de tipo bibliográfico, certas traducións ao galego, etc. Frecuentemente apareceron estudios monográficos sobre autores do século XIX. Algúns monográficos eran de tal calidade que serviron como traballos de referencia para estudiosos da literatura galega.