Boletín del Instituto de Estudios Vigueses
Publicación anual editada polo Instituto de Estudios Vigueses, dependente da Fundación Provigo y su Área. Trátase dunha colección de artigos en lingua galega ou castelá recollidos baixo o epígrafe de Boletín Glaucopis. O seu primeiro número saíu no ano 1995 en Vigo. No seu limiar, o director do Instituto, Andrés Martínez-Morás y Soria, afirmaba a súa vontade de contribuír a un mellor coñecemento de Vigo, achegando diversa información aos vigueses e non vigueses, e facendo especial fincapé na historia da cidade. A Historia, a Arqueoloxía, a Toponimia, a Arquitectura, a Fotografía e a Filoloxía son algunhas das materias tratadas nos seus artigos. Entre os seus colaboradores figuran Xosé M. Souto González, Xoán C. Abad Gallego, Gerardo Sacau Rodríguez, Gerardo González Martín, Fernando J. Costas Goberna, Elisa Pereira García e Bernardo M. Vázquez Gil. Entre algúns dos seus artigos destacan “Vigo: problemas xeográficos e coñecemento da nosa realidade” (nº1, 1995), “As marcas nos muíños de auga I” (nº5, 1999) e “Sobre o apelido galego Caxide” (nº5, 1999).