Boletín del Magisterio
Publicación que saíu á luz en Ourense no mes de maio de 1906, e cesou en decembro de 1912. Tiña como subtítulo “Órgano defensor de los intereses morales y materiales de los maestros de la provincia”. Os seus directores foron, nun principio, Rogelio Núñez de Couto e, máis tarde, Pío Ramón Ojea. A maior parte dos seus colaboradores eran mestres de Ourense, inspectores do ensino primario ou mestres da Asociación provincial do maxisterio. Destacan nomes como Joaquín Núñez de Couto, Xosé María González, Xosé Álvarez, Manuel E. Requejo Díaz, Xerardo Álvarez Limeses e Vicente Castro Legua. Este boletín decenal editábase en castelán, malia que nos últimos números contou con algún que outro poema en galego. Dentro das diversas seccións pódense subliñar os “Trabajos científicos y literarios de carácter pedagógico”, as “Disposiciones oficiales sobre los maestros de la Primera de las Secciones de Instrución Pública de la provincia”, “Sueltos y noticias”, ou unha sección dedicada aos “Trabajos y consejos sobre agricultura”. Na última páxina acostumaba levar publicidade, en concreto, anuncios de colexios, imprentas ou libros. As principais aspiracións deste boletín eran a de converterse no voceiro dos mestres da provincia, ao tempo que ofrecía unha información satisfactoria para os seus intereses profesionais.